Na apresentación do Manifesto impulsado polo BNG, Guillerme Vázquez di que o Estado "quere espoliar o aforro galego"
Santiago de Compostela, 5 Febreiro 09. O Manifesto “Galiza ten dereito” impulsado polo BNG foi apresentado formalmente esta mañá no Parlamento Galego no curso dun acto en que o portavoz nacional, Guillerme Vázquez, afirmou que o recurso do Goberno central contra a Lei de Caixas vai dirixido “a espoliar o aforro galego”.
O Manifesto foi asinado polo portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, o secretario xeral do PP galego, Alfonso Rueda; o secretario xeral da CIG, Suso Seixo; a secretaria de Organización de UXT, Irene Martínez; o secretario de Desenvolvimento Organizativo de CC OO de Galiza, Carlos Pardo; e o presidente da Confederación de Empresarios de Galiza, Antonio Fontenla.
"Este acto de apresentación é a expresión de que a sociedade galega non está disposta a deixarse asoballar"Na súa intervención perante os xornalistas após o acto de asinatura, o líder do BNG reafirmou as ideas centrais que levaron a intitular o Manifesto co rótulo de “Galiza ten dereito”.
“Galiza ten dereito a ter un sistema financeiro eficiente ao servizo do País, a elaborar leis en beneficio da sociedade e da economía galegas e a que o Estado respecte o noso autogoberno”, afirmou.
Un momento da asinatura do Manifesto por representantes das forzas sociais e políticas de Galiza
"O recurso vai dirixido a paralisar a fusión galega e a favorecer a deslocalización das nosas caixas"QUEREN LEVAR O AFORRO GALEGO PARA FÓRA
“O Goberno do Estado quer levar o aforro galego para fóra, para que financie o desenvolvimento doutros territorios”, denunciou.
A imaxe do encontro das forzas sociais e políticas que hoxe asinaban o Manifesto é, segundo o portavoz nacional, “a expresión de que a sociedade galega non está disposta a deixarse asoballar por un Goberno que en Galiza adopta medidas que por certo non toma no resto do Estado”, dixo en alusión a que o Executivo de Zapatero non apresentou recursos ante as leis basca, catalá ou andaluza.
Fixo o portavoz nacional unha “chamada á reflexión” ao Goberno do Estado. “Aínda está a tempo de reconsiderar o que sen dúbida constitúe unha agresión ao autogoberno de Galiza”, engadiu.
Anunciou asemade que o Manifesto, que ten un carácter aberto, será agora “levado á asinatura” de “colectivos e persoas a título individual”. “Cantas máis adhesións, mellor. Arredor deste Manifesto se vai expresar a inmensa maioría da sociedade galega”, concluiu.

