"Non aceptaremos nengunha reforma laboral que supoña o abaratamento do despido", anuncia Jorquera

A Coruña, 5 Febreiro 10. O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, avanzou esta tarde na Coruña que a formación nacionalista non aceptará nengunha “reforma laboral” que supoña “o abaratamento do despido”.

O dirixente nacionalista negou a maior: a reforma laboral que promove o Goberno non é necesaria.

"É escandaloso que o Banco de Santander gañe 9.000 millóns de euros e non haxa créditos para as pemes"“A verdadeira reforma que se precisa non é a laboral, é a do sistema financeiro, para que se restaure o fluxo do crédito e este chegue a empresas e particulares. Esa é a única forma de evitar o esganamento da economía produtiva”, razonou.

“A orixe da crise”, lembrou Jorquera, “non está no mercado laboral, senón no mercado financeiro”. Non ten sentido “nen é xusto socialmente” que se queira cargar agora cos custos da crise precisamente “aos sectores sociais máis desfavorecidos”.

"A Arxentina do corralito tamén cumpría cos criterios de Maastricht"Jorquera considerou “escandaloso” que unha “grande entidade bancaria” -en referencia ao Banco de Santander- fechase o exercicio “cuns beneficios de 9.000 millóns de euros”, mentres os créditos non chegan ás pequenas e medianas empresas, “que son as que realmente teñen capacidade para criar postos de traballo”.

NON SE PODE RETIRAR A GASOLINA DO COCHE CANDO AÍNDA NON ARRINCOU

"Se non rectifica os seus ataques ao autogoberno e aos traballadores, seremos moito máis duros na oposición a Zapatero"A recesión da economía estatal e galega non se combate tampouco retallando o gasto público e reducindo os investimentos nas infraestruturas, criticou Jorquera. “Non se pode retirar a gasolina ao coche cando este aínda non arrincou”, dixo o portavoz nacionalista, quen propuxo como “receita si eficaz” para combater a crise económica “a redución do gasto non produtivo, por exemplo coa eliminación de Ministerios que non teñen contido real e invaden competencias autonómicas”, engadiu, en clara alusión aos de Vivenda, Educación e Cultura”.

Na mesma liña propuxo unha “reforma do sistema impositivo” realmente progresiva que grave as grandes fortunas, penalice as actividades especulativas e desfiscalice as rendas medias e baixas. “Tamén é urxente”, enfatizou, “implementar mecanismos que se dirixan a reducir sensibelmente as escandalosas cifras que no Estado alcanza a fraude fiscal”.

Xa non é certo aquilo de que “este Goberno afronta a crise sen recortes sociais”, alegou Jorquera. “O pensionazo é un durísimo recorte social, especialmente duro en Galiza, onde soportamos as pensións medias máis baixas do Estado”, denunciou.

Sobre a teimosía coa que o Goberno do Estado insiste en cumprir cos criterios de Maastricht, reflexionou Jorquera que si se pode chegar a 2013 cun cadro macroeconómico que cumpra cos requerimentos de Bruxelas, pero a un coste “socialmente insustentábel”.

“O problema é que a factura a pagar para conseguir tal cadro macroeconómico vai ser un deterioro insoportábel da situación social”, afirmou e lembrou neste sentido que a “Arxentina do corralito tamén cumpría cos criterios de Maastricht”.

RECURSO DE INCONSTITUCIONALIDADE

O portavoz nacionalista valorou sucintamente o recurso de inconstitucionalidade interposto polo Goberno do Estado contra a Lei de Caixas galega.

“A Lei de Caixas galega vai na boa dirección, xustamente na dirección de reformar nun sentido positivo o sistema financeiro para poñelo ao servizo da economía produtiva. É imperdoábel tentar afogar esa Lei desde o Estado”, dixo, ao tempo que advertiu de que “esta agresión do Executivo contra o autogoberno galego vai traer serias consecuencias na relación do BNG co PSOE nas Cortes Xerais do Estado”.

“IMOS SER MOITO MÁIS DUROS na oposición ao Goberno central se non se rectifican os ataques ao noso autogoberno e aos dereitos das maiorías sociais”, anunciou.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]