Encontro institucional este luns na Moncloa entre o líder do BNG e o presidente do Goberno español
Santiago de Compostela, 5 Febreiro 10. O Pazo da Moncloa acollerá o próximo luns 9 de Febreiro apartir das 18.00 horas o primeiro encontro institucional entre o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e o presidente do Goberno do Estado, José Luis Rodríguez Zapatero.
O líder do BNG formulará diversas cuestións ao titular do Executivo e secretario xeral do PSOE referidas basicamente á “axenda galega” para a Presidencia Española na UE e ao recurso de inconstitucionalidade do Goberno central contra a Lei de Caixas galega.
En declaracións a esta Web, Guillerme Vázquez declarou que “vou coa intención de que a entrevista sexa útil para a defensa dos intereses de Galiza”. “O Goberno do Estado ten que ter presente unha axenda galega na súa Presidencia da UE. Até agora esa axenda brilla pola súa ausencia, entre outras razóns polo perfil baixo e pola pasividade mostrada neste asunto polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo”.
O levantamento de veto a Astano, a acción política para garantir a viabilidade do sector lácteo galego e unha nova política pesqueira que parta da consideración de Galiza como zona altamente dependente da pesca “fan parte desde logo do que, a xuízo do BNG, debe constituír a Axenda Galega de prioridades para a Presidencia española na UE”.
Polo demais, e como non podía ser doutro xeito, o portavoz nacional revelou que “lle vou plantexar tamén cuestións relativas á Lei de Caixas e ao que nós consideramos unha agresión contra o noso autogoberno. Perguntareille por que se recorre a lei galega e non a basca, a andaluza e a catalá”, anunciou.
A crise económica e as respostas que se están a dar desde o Executivo central -”nós non compartimos os recortes sociais que se propoñen”- e o eventual retallamento nos investimentos de Fomento en Galiza son outros dos asuntos que serán abordados polo portavoz nacional na que será a primeira entrevista entre os líderes do BNG e do PSOE.

