Encontro Guillerme Vázquez-Zapatero: dúas horas de conversa, clima "distendido" e diferenzas sobre política económica e caixas
Guillerme Vázquez departe co presidente do Goberno central
Na súa comparecencia ante os meios posterior ao encontro, o líder nacionalista cualificou a reunión de “agradábel e distendida”.
"Non é baixando as pensións nen abaratando o despido como se vai saír da crise económica"A necesidade de que a Presidencia Española na UE inclúa “unha Axenda Galega” e a demanda ao Goberno central de que retire o recurso de inconstitucionalidade, así como a análise da crise económica e os investimentos de Fomento en Galiza, foron os tres asuntos que centraron a reunión.
AXENDA GALEGA NA PRESIDENCIA SEMESTRAL
“Demandamos ao Goberno que abra unha Axenda Galega na Presidencia semestral da Unión Europea e que, consecuentemente, asuma como propios obxectivos como o levantamento do veto que pesa sobre Astano, o impulso dunha nova política agraria que dea viabilidade ao sector lácteo galego ou a defensa dos intereses da frota de pesca galega en Europa, na perspectiva de que Galiza sexa considerada zona altamente dependente da pesca por parte da UE”, pormenorizou o portavoz nacional.
“"Non imos entrar nunha negociación PP-PSOE para o reparto do poder na caixa resultante dunha hipotética fusión”Sobre o sector lácteo, pediu a intervención nos mercados para garantir prezos dignos e a redistribución de dereitos de produción, de maneira que se reduzan as cotas aos estados excedentarios e se incrementen as dos deficitarios -entre eles o español, para así beneficiar os intereses galegos.
Guillerme Vázquez lembrou especificamente o compromiso contraído polo presidente do Goberno co BNG no Pleno do Congreso dos Deputados de defender en Europa o levantamento do veto.
O líder do BNG, durante a rolda de imprensa en Moncloa
LEI DE CAIXAS
O portavoz nacional abordou tamén na reunión a crise política con Galiza aberta polo Goberno español ao ter apresentado un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Caixas.
“Nesta lei o BNG tivo moito a ver. Agora atopámonos cun recurso inxustificado por parte do Goberno. Un recurso que só busca impedir a fusión galega e iso inevitabelmente se traduciría na deslocalización das nosas caixas, a que perdésemos os centros de decisión”, afirmou Guillerme Vázquez.
O recurso provocou a discrepancia entre os dous líderes políticos.
“O presidente afirma que é un recurso técnico. Eu díxenlle que na miña opinión é un recurso político. Para nós, a lei é plenamente constitucional e ten contidos idénticos a outras leis que non foron recorridads”, alegou o portavoz nacional.
Sobre unha eventual negociación do contido da lei, afirmou que “negociar as leis é un pouco complicado”. “Os parlamentos autonómicos teñen dereito a elaborar leis. Apartir de aí estas son constitucionais ou non. Nós cremos que esta o é. E non vexo ben que é o que hai que negociar”, engadiu.
Desde logo, enfatizou, se a intención do PSOE e o PP é “negociar o reparto do poder” na entidade resultante da fusión “o BNG aí non vai entrar”. “Nós non estamos por un reparto do poder, estamos porque a lei poña as caixas ao servizo da economía produtiva de Galiza. Temos tanto dereito como os cataláns, os bascos, os andaluces ou os madrileños”, resaltou.
Pediu portanto que “impere a razón” e que “poda haber caixas ao servizo de Galiza, como as hai ao servizo de Catalunya, Euskadi e Andalucía”.
CRISE ECONÓMICA
No que di a respeito da crise económica, o portavoz nacional trasladoulle ao presidente do Goberno que “non é baixando as pensións nen abaratando o despido como se vai superar esta difícil situación”.
Era o primeiro encontro entre os dous líderes no Pazo da Moncloa
“O BNG está claramente por outro modelo económico, que prime a economía produtiva sobre a especulativa e que non se basee na precarización das condicións de vida dos traballadores e das traballadoras”, dixo.
A saída á crise debería ir, por contra, por “garantir o dereito de todos os territorios, a comezar por Galiza, a desenvolver os seus sectores produtivos”.
INVESTIMENTOS EN INFRAESTRUTURAS
Mostroulle tamén a Zapatero a súa inquietude porque o anunciado retallamento nos investimentos do Ministerio de Fomento en Galiza vaian adiar “aínda máis” a realización de obras básicas para o noso País, como o AVE.
A respecto das liñas de alta velocidade, demandou “que non se deixe no abandono” os tramos A Coruña-Ferrol e Vigo-Tui, e a adecuación ás altas prestacións ferroviarias do resto da rede.

