"A xuntanza", artigo de Carlos Aymerich publicado en Xornal
Onte o Portavoz Nacional do BNG transladoulle ao presidente español que Galiza existe, que ten uns intereses proprios e que, ao menos entanto non os poidamos defender nós directamente, o Estado debe telos en conta e, no ámbito europeo e internacional, facer valer. Isto significa, na situación actual de crise e en plena presidencia española da Unión Europea, apostar pola economía produtiva, pola proteción social e polo respecto ao poder financeiro de Galiza.
E é que a presidencia semestral da UE, na que o PSOE depositara tantas esperanzas, está a se converter nun calvario para un Zapatero en alvo de todas as críticas. En poucos días, Davos e a Comisión Europea lograron que o volúbel presidente español esquecese as súas promesas e apresentase a redución das pensións, o retraso na idade de xubilación o abaratemento do despedimento e o recorte no gasto público como saída da crise provocada pola especulación financeira e inmobiliaria. Guillerme Vázquez indicoulle que por ese camiño non vai coincidir co BNG. Que o cómpre é, xustamente, o contrario. Apostar pola economía real: a volta de Astano á construción naval civil, a defensa do noso leite e da nosa pesca e máis tamén respectar o dereito de Galiza a contar cun sector financeiro proprio.
Zapatero, como sempre, limitouse a sorrir. Din as crónicas que a xuntanza foi distendida e agradábel. Mérito, sen dúbida, da paciencia e da bonomía de Guillerme. Expresión, tamén, da falta de substancia do presidente español. Teremos que lle volver refrescar a memoria.

