Guillerme Vázquez sinala que o Goberno galego "non debe admitir ningún cambio na Lei que impida a fusión das caixas"

Santiago de Compostela, 17 Febreiro 10. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, compareceu en rolda de imprensa na Sede Nacional para valorar a negociación da Xunta co Goberno central sobre o FROB e a Lei de Caixas. Guillerme Vázquez afirmou que “o Goberno galego non debe admitir ningún cambio na Lei que impida a fusión das caixas galegas”.

Guillerme Vázquez sinalou que “estamos claramente diante dun recurso político dirixido a impedir a fusión das caixas galegas e dese xeito favorecer, vía fusión fría ou quente, que acaben absorbidas por entidades foráneas”. “Desde o BNG afirmamos que esa decisión de impedir a fusión das caixas galegas está tomada polo Goberno central”, indicou, “e iso é o que explica a presentación deste recurso contra a Lei de Caixas”.

Galiza ten dereito a contar con caixas galegas, a negociación entre o Goberno da Xunta e o Goberno español “debe servir exclusivamente para convencer ao Goberno español de que retire o recurso e para que non impida que a Lei de Caixas entre en vigor”, dixo.

Entre as armas coas que conta a Xunta, están a presentación dun recurso contra o FROB e mais o apoio da sociedade galega expresado mediante o manifesto Galiza ten dereito, impulsado polo BNG e asinado o pasado 5 de febreiro por grupos políticos, sindicatos e patronal galega.

“O Goberno central nunca debeu ter interposto este recurso, por inxusto e inxustificado”, pois constitúe “unha auténtica chantaxe que vai contra as posibilidades de desenvolvemento económico do País”, destacou.

“O BNG non apoiará no Parlamento ningunha modificación que altere substancialmente a Lei galega, no que se refire á capacidade de decidir nun tema tan importante para o futuro do noso País”, afirmou Guillerme Vázquez.

Para o portavoz nacional, o Goberno central dará marcha atrás se existe a suficiente presión social do conxunto do noso País a favor da fusión das caixas, logo da avaliación que realice do custe político que eventualmente lle traería ter unha posición contraria ao dereito de Galiza a ter un sistema financeiro propio. “Seguiremos a defender os intereses lexítimos do noso País, promoveremos en concellos e deputacións a adhesión ao manifesto Galiza ten dereito, así como por colectivos e persoas a título individual, para expresar con toda firmeza a vontade da sociedade de contar con caixas galegas”, sinalou.

“A presentación deste recurso é unha chantaxe para intentar modificar a Lei de Caixas”, dixo. Así, o portavoz nacional criticou tamén o feito de que o Goberno central actúe como Tribunal Constitucional e interprete a constitucionalidade das leis. “O Goberno central quere paralizar a fusión das caixas para que sexan absorbidas por entidades foráneas como vía para permitir a súa deslocalización”, explicou.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]