8 de Marzo:"Debemos recoller o herdo de Rosalía e traballar por conquistarmos a igualdade"
Intervencións de Guillerme Vázquez, María Méndez e Pilar García Negro
No evento, que congregou máis de 100 persoas, tamén participaron a secretaria de acción Feminista da Executiva Nacional, María Méndez, e a ex-deputada e profesora Pilar García Negro, que vén de gañar o premio Vicente Risco de Ciencias Sociais cun traballo de investigación sobre a figura de Rosalía de Castro. Con posterioridade, realizaron unha visita á Casa Museo de Rosalía de Castro, en conmemoración do 125 cabodano desta escritora.
“Galiza é quizais o único País occidental que ten unha muller como a súa figura simbólica máis representativa. Centos de miles de galegos e galegas identificamos en Rosalía a propia nación galega”, dixo Guillerme Vázquez. “Rosalía foi unha extraordinaria anovadora da literatura xa non galega, senón europea, e dignificou a lingua nacional”, engadiu.
UNHA MULLER OUSADA E DESTEMIDA
"Familiarizar a nosa xente coa biografía desta muller ousada e destemida é tanto como divulgar o mellor que temos como País, os mellores valores que temos: a dignidade, a rebeldía ante a inxustiza, o amor pola terra e pola lingua, a afirmación da radical igualdade de homes e mulleres”, expresou.
O BNG reclama a elaboración dun Plano Galego de Emprego para as Mulleres
Ademais, Guillerme Vázquez, fixo referencia “á conquista da normalidade” que, na práctica, supón “un acto revolucionario”. “Somos un pobo que ten todo aínda por normalizar, desde a súa lingua, até o seu territorio pasando pola súa economía”, dixo. “A causa das mulleres tamén está por normalizar no noso País, pois as mulleres galegas teñen salarios máis baixos e pensións máis baixas que as mulleres do resto do Estado; á desigualdade de xénero hai que engadir aquí tamén a desigualdade nacional”, sinalou.
O 53 POR CENTO DAS PERSOAS EN PARO SON MULLERES
Así, expuxo datos da crise económica que agudiza a feminización da pobreza. “En Galiza o 53% das persoas que están desempregadas son mulleres e mentres o salario medio dun home en Galiza é de 18.852 euros ao ano, unha muller gaña en cambio un promedio de 13.989 euros. O principio de ‘a igual traballo, igual salario’ segue sen cumprirse”, explicou.
O portavoz nacional realizou tamén un percorrido polas políticas executadas durante o primeiro ano de Goberno do PP na Xunta e expresou que “dende que Feijóo é presidente, Galiza ten 23.000 persoas máis no paro, a maioría delas mulleres”. Falou tamén da campaña de privatización dos servizos de benestar e da “política de dereita, política que vai contra as mulleres”.
María Méndez, na súa intervención, centrouse “na loita das mulleres contra a precariedade laboral, no acceso aos bens primarios, á vivenda, á saúde e ás prestacións públicas”. “As mulleres seguimos a estar invisibilizadas tanto pola destrución de emprego como polos recortes de dereitos laborais, ademais doutras medidas que está a aplicar a Xunta de Galiza que potencian a destrución do emprego feminino”, dixo.
Ademais, destacou que como Rosalía “foi precursora de todas nós na defensa das inxustizas como País”, Pilar García Negro, “como deputada do BNG, foi a impulsora da creación da Comisión Parlamentar das Políticas de Muller”.
Pola súa parte, Pilar García Negro, sinalou que o espazo de Dodro e Padrón onde se enmarcaron os actos do BNG constituíuron “parte dos escenarios da obra de Rosalía, a autora fundacional do feminismo ou ‘mullerismo’, que xa naquel tempo se tivo que defender dos díxome-díxome daquela época que querían facer crer que era Murguía quen escribira a súa obra”. Lembrou que Rosalía foi unha muller profundamente activa que amosou unha solidariedade profunda coas vítimas da historia, coas traballadoras galegas e coas ‘viúvas de vivas e viúvas de mortos’. “Non hai en toda Europa unha rúbrica tan atrevida e tan valente capaz de meterlle o dedo no ollo aos poderes políticos, económicos e militares”, afirmou a investigadora.
Neste 8 de Marzo, desde o BNG reclámanse as seguintes medidas:
1. Elaboración dun Plan Galego de Emprego para as Mulleres que inclúa medidas que favorezan a incorporación das mulleres ao traballo remunerado, que garanta o principio de a igual traballo igual salario, que incorpore liñas específicas para atallar a discriminación das mulleres nos ámbitos produtivos (labregas, mariscadoras, redeiras...) nos que hai un importante presenza feminina.
2. Paralización do proceso de desmantelamento dos servizos sociais públicos, demandando a provisión con carácter público de novas prazas de escolas infantís, centros de día, prazas residencias e a posta en marcha dun servizo de Kanguros.
3. Desenvolvemento íntegro das actuacións previstas na Lei Galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

