Guillerme Vázquez ve “impresentábel” que a Xunta “usurpe” as funcións do Parlamento e envíe a Madrid “textos alternativos" á Lei de Caixas
Santiago de Compostela, 6 Marzo 10. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, considera “politicamente impresentábel” que o Goberno galego “usurpe” as funcións do Parlamento e envíe a Madrid “textos alternativos” á Lei de Caixas.
“Isto está a chegar a estremos esperpénticos. As formas en democracia son fundamentais. Aquí a división de poderes está saltando polos aires. Non é presentábel ver a dous executivos negociando unha lei promulgada polo Executivo”, considera o portavoz nacional, para quen o PP actúa como “se o Parlamento galego fose un apéndice do Executivo”, o que evidencia un “escaso talante democrático”.
“O señor Feijóo cometeu o erro de embarcarse nunha negociación que nunca debería ter tido lugar e de actuar politicamente como se o Goberno español fose o árbitro da Constitución, cousa que en absoluto é”, manifesta o líder nacionalista en declaracións á www.bng-galiza.org
Para o portavoz nacional, Feijóo debería deixar de “dar voltas por camiños colaterais” e debe “demandar de vez un encontro co señor Zapatero para exixirlle que retire o recurso”. Previamente á entrevista na Moncloa, debería dar por concluídas as negociacións.
“O que en nengún caso debe facer é suplantar o papel do Parlamento Galego e modificar unha lei en conversas de despacho en Madrid”, alega.
En calquer caso, advirte, o BNG non avalará nengún recorte substancial da Lei de Caixas que vaia na dirección de impedir a fusión galega.

