O BNG leva unha iniciativa ao Congreso para que PP e PSOE se posicionen sobre a Lei de Caixas

Francisco Jorquera e Olaia Fernández Davila conversan nos seus escanos

Madrid, 7 marzo 10. O BNG vén de presentar no Congreso dos Deputados unha iniciativa que obrigará a PP e PSOE a posicionarse sobre a Lei Galega de Caixas e comprobar se manteñen o mesmo discurso en Galiza e en Madrid.

A proposición non de lei, que se debaterá tanto no Pleno do Congreso como en Comisión, ten como obxectivo, segundo o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, “que Galiza siga tendo un mapa financeiro propio, cos seus piares nas caixas de aforros, ademais de verificar que o instrumento creado para a reordenación pública do sistema financeiro, o FROB, contribúa realmente a restaurar o creto ás empresas, aos emprendedores e aos autónomos”.

A lei de caixas impulsada polo BNG e agora recorrida polo Goberno PSOE tenciona tamén a democratización destas entidades financeirasRetirada do recurso contra a Lei de Caixas e manter o seu carácter social

Neste sentido, a iniciativa do BNG consta de catro puntos para conseguir ese fin. En primeiro lugar, ínstase ao Goberno a “manter a vixente natureza das caixas de aforros, reforzando o carácter de entidades vinculadas ao territorio e a súa vocación social, o seu papel de instrumentos financiadores básicos dos sectores económicos estratéxicos do seu entorno, renunciando a incentivar calquera proceso tendente á súa concentración centralizada e bancarización”.

En segundo lugar, e como consecuencia do anterior, demándaselle ao Goberno que “retire de xeito inmediato o recurso de insconstitucionalidade contra a reforma de determinados preceptos da Lei de Caixas de Galiza, levantando os efectos suspensivos do mesmo”.

Respecto ás competencias das Comunidades Autónomas

Ademais, a iniciativa do BNG demándalle ao Goberno que “se comprometa a respectar as competencias autonómicas sobre caixas de aforros”.

As entidades que reciban cartos do FROB deben destinalo a créditos ás empresas, autónomos e emprendedores

Por último, a proposición non de lei insta ao Goberno a “garantir que, co fin de protexer o interese público, a intervención do FROB se oriente prioritariamente á restauración do financiamento da economía produtiva, polo que se asegurará que o destino final por parte das entidades financeiras dos fondos ou avais con cargo ao FROB se dirixen á recuperación do creto a empresas, emprendedores, autónomos e ao consumo”.

A Lei de Caixas busca que o crédito chegue ás empresas e ás persoas

Francisco Jorquera subliña que a reforma da Lei Galega de Caixas, impulsada polo BNG no Parlamento Galego, “ten como principal obxectivo, precisamente, “restaurar a fluidez de crédito e o financiamento ás empresas e aos galegos e galegas, realizando para iso a necesaria coordinación da política crediticia e de investimentos das caixas coa estratexia económica adoptada polos poderes públicos de Galiza”. Ademais, o deputado nacionalista subliña que “un segundo obxectivo, realizar unha necesaria mellora na transparencia no funcionamento dos órganos de goberno das caixas galegas”.

Neste sentido, o parlamentario do BNG denuncia que “a interposición precipitada e sen negociación previa por parte do Goberno Central dun recurso de inconstitucionalidade contra a reforma da Lei Galega de Caixas, implica ademais unha paralización no ordenamento financeiro de Galiza, introducindo incertezas que teñen o seu efecto na actividade económica real e afectan á restauración do financiamento ao tecido económico e empresarial de Galiza”.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]