Guillerme Vázquez visita as zonas da Limia asolagadas pola cicloxénese, algo que non fixo nengún membro do Goberno galego
Francisco García, Xoán Xosé Xardón, Xosé Manuel Pérez Bouza, Guillerme Vázquez e Amador Díaz
“Debemos de esixir con urxencia, en primeiro termo á Xunta de Galiza, Deputación, concellos e Goberno central que, cando menos, se deixen caer pola zona para avaliar os danos do temporal e poñan en marcha axudas para que esta xente poida saír da situación na que se atopa”, sinalou Guillerme Vázquez.
"É lamentábel que nin Concello nin Xunta nin Estado se preocupen pola situación das persoas afectadas"Guillerme Vázquez comprobou in situ os “innumerábeis danos en bens privados” e afirmou que “resulta incomprensíbel e lamentábel que ás distintas administracións da Xunta de Galiza nin se lles ve nin se lles espera”. “Estamos diante da nave dun agricultor que ten afectadas as súas instalacións e os seus propietarios teñen que estar durmindo nelas, facendo quendas, para protexer os seus bens”, sinalou.
O portavoz nacional realizou esta visita acompañado do voceiro do BNG en Xinzo, Amador Díaz, da deputada Tereixa Paz, do senador Xosé Manuel Pérez Bouza e dos alcaldes de Allariz e Vilar de Santos, Francisco García e Xoán Xosé Xardón, respectivamente, entre outros, ademais de agricultores e membros das comunidades de regantes.
Un aspecto das veigas de cereal asolagadas en Piñeira Seca (Xinzo de Limia)
“É lamentábel que nin Concello, nin Xunta, nin Estado se preocupen pola situación dunhas persoas que teñen que verse obrigadas a defender os seus propios bens porque a autoridade non está dispoñíbel”, dixo o portavoz nacional.
Guillerme Vázquez engadiu que “estamos nunha comarca na que os prezos derivados da pataca están por debaixo dos prezos de produción, con toneladas sen vender a estas alturas, e agora vemos como unhas inundacións que botaron abaixo a colleita de cereal e dificultan as plantacións para futuras colleitas” van agravar a situación do sector agrario e o desenvolvemento económico desta comarca.
Á vista están os graves destrozos causados polos furiosos refachos de vento que zoaron sobre as terras limiás
As administracións competentes “a estas alturas non avaliaron os danos, non pasaron pola zona e non puxeron en marcha un plan de axudas para que os agricultores poidan saír desta situación dende o punto de vista do BNG é intolerábel que vivan fóra da realidade e dos problemas da xente”.
“A nós correspóndenos facer presión política para que isto non siga así e presentaremos iniciativas nos concellos, no Parlamento galego, no Congreso e no Senado e en todos aqueles órganos de representación onde estamos”, afirmou.

