O BNG continúa coa xeira de actos para procurar máis adhesións ao Manifesto
Un aspecto do encontro sectorial sobre as caixas celebrado nun céntrico hotel coruñés
Nun encontro cos meios de comunicación previo ao comezo do acto, o líder nacionalista afirmou que “se o señor Feijóo” se resiste a apresentar un recurso de inconstitucionalidade contra o FROB é porque está condicionado pola posición política do seu partido “a nível estatal”.
O líder nacionalista afirma que “mobilizar a sociedade non significa só manifestarse na rúa, que tamén”“Nós pensamos que si debería facelo (recorrer o FROB)”, aduciu o portavoz nacional, “se realmente quer explicitar diante do Goberno central que está disposto a ir a por todas neste tema”.
O dirixente nacionalista tamén foi interpelado polos meios a respecto das recentes declaracións de Manuel Vázquez nas que o secretario xeral do PSdeG deitaba sombras de dúbida sobre a solvencia da fusión galega. O portavoz nacional comezou por negar a maior e por perguntarse: “Se o debate fose a solvencia, entón que estaría a pasar noutras latitudes do Estado?”.
Silvia Seixas, Guillerme Vázquez, Henrique Tello e Margarida Vázquez Veras
“É Zapatero e non un ministro ou un segundo dun ministro quen toma as decisións. Por iso Feijóo debe demandar unha entrevista con el”Optou a seguir por “non levar os debates onde realmente non están” e considerou que a sociedade galega “non pode interiorizar” como problema o que non é -a presunta insolvencia- “se así o fixésemos”, matizou, “se o interiorizásemos así, estaríamos perdidos porque estariamos pensando en que isto non é unha cuestión política, senón técnica, e nós dicimos o contrario, non é técnica, é política”.
“De solvencias”, engadiu, “poderiamos falar ao longo e ancho do Estado español” e entón comprobariase como “esas presuntas maiores ou menores solvencias se van resolver de maneira diferente en diferentes sitios”.
VODEVIL INASUMÍBEL
Aquí a cuestión é outra: é dilucidar se “temos dereito a termos caixas galegas e a que a nosa economía poda contar con aforro galego para o seu impulso, sabendo que a alternativa é que o noso aforro saia do País e sirva para desenvolver outros territorios”.
Argüiu que “o señor secretario xeral” do PSdeG-PSOE “pode intentar levar o tema por onde queira, pero eu preferiría que estivese nunha Posición de País, defendendo o que eu creo que maioritariamente defende esta sociedade”. Así actuarían, enfatizou, “algúns dos seus homólogos” do Partido Socialista “se estivesen en Euskadi, Andalucía ou Catalunya”.
FEIJÓO DEBE COMPARECER
Axentes sociais, sindicais, veciñais e empresariais acudiron á reunión convocada polo BNG
“A Xunta debe rachar as negociacións e o señor Feijóo debe comparecer no Parlamento galego para explicarnos cal é a súa folla de rota”, dixo o líder do BNG, para quen o xefe do Executivo galego debe cambiar de táctica e pedir “unha entrevista co señor Zapatero”. Con Zapatero porque “é el quen toma as decisións e non un ministro nen o segundo dun ministro”. O encontro con Zapatero non sería para negociar nada, senón “para exixirlle a retirada do recurso”.
MOBILIZAR A SOCIEDADE
Explicou que entende o BNG pola mobilización da sociedade en defensa do seu dereito a dispor dun sistema financeiro propio. “Mobilizar unha sociedade non é exclusivamente falar de manifestarse na rúa, que, por suposto, que tamén. É algo máis que iso. É que, con independencia da posición dos grupos políticos e os axentes sociais, todas e todos nos impliquemos como cidadáns se queremos ter un futuro de dignidade para este País”.
Na súa opinión existe “unha moi boa base” para comezar a traballar, o Manifesto que se asinou o 5 de Febreiro. O espírito do Manifesto “debería contar co apoio da sociedade galega, se se me permite a expresión, por abaixo, de maneira que se explicite o que Galiza como sociedade pensa desta cuestión, e se iso pode concluír nunha manifestación, pois evidentemente si pode concluír”, aseverou ante os xornalistas.
INTERCAMBIO DE IMPRESIÓNS
A seguir o encontro cos medios, o portavoz nacional mantivo un animado intercambio de impresións con representantes de sectores sociais, empresariais, veciñais e sindicais da cidade e comarca da Coruña.
No acto estiveron presentes membros dos grupos municipais e provincial do BNG, encabezados por Henrique Tello e Pablo Villamar, respectivamente; a responsábel comarcal, Silvia Seixas; e o responsábel local, Afonso Sánchez.

