Caixas: o líder do BNG critica a "prepotencia" do Estado e a "falta de reacción" de Feijóo

Guillerme Vázquez aposta con clareza pola mobilización social frente á chulería do Estado

Santiago de Compostela, 11 Marzo 10. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, considera que a carta enviada polo secretario de Estado de Cooperación Territorial ao Goberno galego revela a “prepotencia” coa que o Estado está a despachar “o simulacro de negociación” sobre a Lei de Caixas. Asemade, o líder nacionalista critica a “falta de reacción” de Feijóo e a súa insistencia “en continuar por un camiño, o das conversas en Madrid, que non leva a ningures”.

En declaracións a esta Web, o portavoz nacional enfatiza que a carta asinada por Gaspar Zarrías “demostra que o BNG acertou no seu diagnóstico cando afirmamos que a vía da negociación é unha vía morta” da que non cabe agardar nada positivo para Galiza. “O Goberno do Estado non ten vontade real de negociar nada. Tomou unha decisión política -a de impedir a fusión galega e a de utilizar o recurso de inconstitucionalidade como instrumento para servir ese fin- e daí non se vai mover por moito informe técnico ou redacción alternativa que se forneza desde Santiago”, avalía o dirixente do BNG, para quen “Madrid só modificará a súa posición se en Galiza se exterioriza un rexeitamento masivo ao veto do Estado contra a fusión galega”.

“A carta de Zarrías demostra que o BNG acertou no seu diagnóstico ao afirmar que a vía da negociación é unha vía morta”Valorou tamén a utilización da lingua galega por parte do secretario de Estado. “É o único positivo da carta. Apartir de agora, o Estado non ten nengunha escusa para non usar o galego na súa comunicación con Galiza, da mesma maneira que as cidadás e os cidadáns do noso País debemos saber que nos podemos dirixir con normalidade en galego ao Estado porque non vai haber nengún problema de falta de comprensión lingüística. Faltaría máis!”, remarcou.

FEIJÓO DEBE CAMBIAR DE TÁCTICA

Que debe facer entón o Goberno galego para desbloquear o conflito co Estado? “Pois cambiar de táctica. Feijóo ten que reaccionar de vez. Ten que dar por concluidas as negociacións, comparecer ante o Parlamento Galego, apresentar o recurso de inconstitucionalidade contra o FROB e demandar unha entrevista con Zapatero, non para continuar negociando, senón para exixirlle que saque a Lei de Caixas do Tribunal Constitucional”, alega o portavoz nacional.

“O único positivo da carta é que está redixida en galego. Apartir de agora, o Estado non ten nengunha escusa para non utilizar a nosa lingua nas comunicacións con Galiza"A prepotencia do Goberno do Estado chega ao límite de indicarlle ao Executivo galego que o foro para defender a constitucionalidade da Lei de Caixas non é a negociación, senón “o Tribunal Constitucional contestando ao recurso interposto”, afirma Zarrías na súa carta. “Esta é unha proba evidente de que non se quere chegar a nengún acordo. Se a negociación non é a vía e a vía é o TC, de que falan entón? Está claro que estamos ante unha decisión política, a dun Goberno español que utiliza todo tipo de tretas para que a lei se empantane e a fusión non sexa factíbel”, analisa Guillerme Vázquez.

MOBILIZACIÓN SOCIAL

Fronte ao recurso político do Goberno do Estado, Galiza ten que dar unha resposta “política”, pero tamén “social”. “Esa é a vía que impulsamos co Manifesto Galiza Ten Dereito. Esa é a vía que estamos a impulsar en actos nas cidades do País e con contactos con moitos axentes sociais da nosa nación. Imos continuar por ese vieiro, o da mobilización social, coas distintas formas en que esta se pode expresar, desde a asinatura masiva do Manifesto até mesmo a mobilización na rúa”, conclúe o líder nacionalista.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]