O BNG promove iniciativas para que o Estado deixe de discriminar á RAG e lle habilite unha partida orzamentaria
Xosé Manuel Pérez Bouza, na comparecencia informativa
Estas iniciativas do BNG pretenden crear as condicións necesarias “para rematar coa discriminación clara que vén sufrindo a Real Academia Galega en relación con outros organismos e institucións similares doutros territorios do Estado”, principalmente con respecto ao Institut d'Estudis Catalans, organismo análogo en Catalunya, e ao Euskaltzaindia, en Euskadi, e por suposto con respecto á Instituto Cervantes, sinalou Xosé Manuel Pérez Bouza.
“Non podemos tolerar esta discriminación cunha institución galega e isto ten que ser cambiado de vez”, afirma o senador Pérez Bouza“A discriminación é clara se falamos de cifras concretas, mentres o instituto catalán recibe 985.000 euros de financiamento estatal neste ano 2010, o organismo vasco vai recibir 490.000 euros, a Real Academia Española nada menos que 3.700.000 euros e, pola contra, non hai ningunha partida consignada para a Real Academia Galega”, explicou.
UNHA PREGUNTA NO PLENO
“Pensamos que isto hai que corrixilo de inmediato e temos presentadas dúas iniciativas”, sinalou Pérez Bouza. Coa pregunta en Pleno ao Goberno, que se formulará a vindeira semana, “preténdese que a ministra de Educación ou o ministro de Cultura digan cales son os motivos da discriminación coa Academia Galega e se consideran xusto esta situación e se hai dispoñibilidade para mudar esta inxustiza”, dixo.
A outra iniciativa presentada polo BNG é unha moción na que se propón que remate esta discriminación e para o ano 2011 se inclúa unha partida estábel nos Orzamentos Xerais do Estado para financiar a Real Academia Galega. Para o BNG, cómpre estabelecer un reparto proporcionado das axudas da Administración Xeral do Estado ás distintas linguas oficiais do Estado, con especial atención a aquelas que se atopan en desvantaxe.
UN MANDATO CONSTITUCIONAL
“Hai un segundo argumento, que é que na Constitución Española hai un mandato claro no artigo 3.3 que di que o Estado ten a obriga de promover e defender as linguas oficiais do Estado español, todas as linguas oficiais, incluídas o catalán, o galego e o euskera”, enfatizou. “Nós pensamos que non hai mellor forma de defender e promover estas linguas que apoiar aquelas institucións de ámbito autonómico que se dedican a isto”, explicou.
“Con estas iniciativas, agardamos que o Goberno español recoñeza esta discriminación e dea mostras de ter intención de mudala nos vindeiros exercicios orzamentarios e que o conxunto das forzas políticas apoien esta iniciativa para que nos próximos Orzamentos de Estado apareza unha partida estábel que permita financiar a actividade da RAG non só no curto prazo, senón que lle permita desenvolver proxectos a longo prazo para facer un traballo serio e que dea os seus froitos”, destacou.
Ademais, o senador explicou que o BNG tamén presentou unha pregunta para resposta escrita sobre os proxectos desenvolvidos pola Casa das Linguas, na que está integrada a Real Academia Galega, e que logo de 5 anos dende que entrou en funcionamento non cumpriu os obxectivos propostos.

