"Só a vía da mobilización social vencerá a oposición do Estado á fusión galega"
Guillerme Vázquez, na compaña de Ana Pontón e Méndez Ferrín
En resposta aos xornalistas que cubriron a súa visita á Real Academia Galega, o líder do BNG dixo: “Xa sei que se dirá que esas cousas (o chamado á mobilización) son as cousas do BNG, sempre tan afeizoado ás mobilizacións, pero é que esa é a única forma que ten Galiza de desencallar a situación” e de obrigar ao Goberno do Estado a que depoña a súa atitude de vetar a fusión galega.
“FEIJÓO SÓ ACERTA CANDO ESCOITA AO BNG; CANDO TOMA EL A INICIATIVA, LEVA A NEGOCIACIÓN A UN CALEXÓN SEN SAÍDA”Madrid só levantará o veto se “cre que lle vai ter un coste político real” mantelo, só cederá “se aparece unha decisión de País sobre a mesa, de firmeza, de dicir que nós queremos autogoberno e que temos dereito, polo tanto, a ter futuro financeiro”. “Iso é o que lle estamos dicendo ao señor Feijóo, se é que nos quere facer caso nesta cuestión”, engadiu.
Restou toda importancia á recusación de Zarrías por parte do presidente da Xunta. A clave non está aí porque pensar o contrario sería tanto como dar por suposto que o número dous de Chaves non “responde aos desexos do Goberno central e eu creo que o señor Zarrías si responde claramente ao que pretende o Executivo Zapatero”, dixo Guillerme.
Para o líder do BNG, dirixir os dardos a Zarrías é un indicio claro de que “o señor Feijóo está sen saber que facer, dando largas antes de resolver que decisión tomar ao final”. Guillerme Vázquez apremiouno a que se aclare canto antes: “Isto non pode prolongarse eternamente, aínda que só sexa por unha cuestión de elemental dignidade”.
"Recusar a Zarrías? Para que? A clave non está aí: el limítase a cumprir as ordes que lle dá Zapatero"Está o BNG disposto a liderar el so a mobilización social?, perguntoulle un xornalista. “Partimos dunha boa base. O Manifesto Galiza Ten Dereito que asinamos o 5 de Febreiro e ao que agora se están a adherir concellos, deputacións, entidades civís e persoas a título persoal. Iso tamén é mobilización social”, respondeu e foi máis preciso ao engadir que “da próxima semana non vai pasar, faremos un chamamento aos asinantes do Manifesto para debatermos cales poden ser as vías a seguir apartir de agora. Anunciámolo e farémolo”.
“Veremos que resposta dan os demais”, dixo, “nós desde logo seguiremos defendendo unha Posición de País e o dereito de Galiza a ter un sistema financeiro propio”.
A NEGOCIACIÓN, UNHA VÍA SEN SAÍDA
Foi moi crítico coa vía negociadora emprendida polo presidente da Xunta.
“Mentres o señor Feijóo nos foi escoitando aos do BNG, foille mellor e foi acertando na súa posición sobre as caixas galegas. Cando el decide promover a única iniciativa que non contou co respaldo do BNG (a negociación co Goberno do Estado) pois o que se está vendo é que o único que fixo foi levar esa iniciativa a encallar”, a unha vía sen saída.
Feijóo debería voltar a escoitar o BNG. “Vímoslle dicendo que rache esas negociacións que non teñen sentido, que compareza ante o Parlamento Galego, que presente o recurso de inconstitucionalidade contra o FROB e que pida unha entrevista con Zapatero”. Con Zapatero e non con nengún ministro a el subordinado porque “é Zapatero quen dirixe o Goberno e el quen tomou a decisión de recorrer a Lei galega.

