O Consello aproba por amplísima maioría as propostas anticrise e o regulamento e calendario para as municipais
O Consello Nacional deu o pistoletazo de saída ás municipais 11
O Informe da Executiva Nacional e as propostas do BNG ante a crise recibiron 89 votos a favor e 11 abstencións, mentres que o regulamento e calendario para as municipais 2011 obtiveron 83 votos a favor (83,8 por cento, 12 en contra (12,1) e 4 abstencións (4 por cento).
Un aspecto do Consello Nacional que este sábado se reuniu por espazo de algo máis de tres horas
En último termo, o Consello Nacional submeteu a consideración a proposta formulada por varios dos seus membros a prol de que este ano 2010 se celebrase unha nova Asemblea Nacional ordinaria.
Esta proposta obtivo 12 votos a favor, 56 votos en contra e 31 abstencións, polo que foi rexeitada e, consecuentemente, en 2010 non haberá nova Asemblea Nacional.
Teresa Táboas, Guillerme Vázquez, Montse Prado, Francisco Jorquera, Rosana Pérez e Francisco García
PROPOSTAS ANTE A CRISE
“No documento de propostas que vimos de aprobar”, explicitou o portavoz nacional, “o BNG advoga claramente por unha saída popular á crise económica, isto é, por unha saída favorábel á maioría social, frente a aqueles que o que postulan é unha saída impopular á crise”.
Situou o BNG claramente “en contra do xiro á dereita do señor Zapatero” e de medidas concretas como “a suba do IVE” ou a “diminución de todo o gasto público”. Sobre este particular, especificou: “O BNG está por recortar o gasto improdutivo, pero non o produtivo” e nese sentido demandou a redución do gasto militar e a supresión de ministerios que hoxe son “inúteis” e que ademais invaden competencias das comunidades autónomas.
Xoán Carlos Bascuas e Manuel Antelo
“Estamos, por suposto, en contra de abaratar o despedimento, de baixar os salarios e desde logo de elevar a idade de xubilación. Queremos garantías de pensións dignas e públicas”, enfatizou.
PISTOLETAZO DE SAÍDA PARA AS MUNICIPAIS 11
Rosana Pérez e Francisco García
"Sinteticamente decidimos que o proceso para a elaboración de listaxes nas sete cidades o fecharemos antes do 25 de Xullo, mentres que as candidaturas do resto de concellos se aprobarán nun segundo tramo que terá como data límite o 31 de Decembro”, pormenorizou.
Expresou a súa convicción de que o BNG está en disposición de aspirar a ter uns “bons resultados” nas municipais. “Estamos en boa forma e temos o aval do bon traballo feito durante estes anos”, dixo e salientou que o BNG apresentará listaxes “en todos ou na inmensa maioría dos concellos do País”.
Teresa Táboas e Guillerme Vázquez
A respecto do debate habido no Consello Nacional verbo da convocatoria dunha Asemblea Nacional ordinaria este ano, dixo:
"Consello Nacional non considerou necesario realizar esa Asemblea Nacional. Temos liña política, temos dirección, estamos activos e o rumbo que tracexamos é o adecuado, polo que o Consello Nacional non viu a necesidade de convocar Asemblea Nacional para este ano”.

