Ana Miranda presenta unha denuncia no Parlamento Europeo contra a planta de Pescanova en cabo Touriñán
Bruxelas, 16 marzo 2010.- A representante do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, ven de presentar unha denuncia ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo contra a posíbel construción dunha macropiscifactoría de Pescanova en Cabo Touriñán, un proxecto que apadriña o Partido Popular dende a Xunta de Galiza.
Ana Miranda advirte de que a planta industrial “resultaría incompatíbel coa directiva 92/43/CEE de protección dos espazos de alto especial valor ambiental –Directiva Hábitats-, caso do cabo Touriñán, un espazo incluído na Rede Natura 2000.
A futura eurodeputada do BNG subliña que “nesta zona existen hábitat prioritarios, de alto valor ambiental, e a normativa europea só permitiría a construción nestes espazos por razóns imperiosas de interese público de primeira orde”.
Neste sentido, denuncia que “o argumento de creación de emprego que utiliza a Xunta para destruír este espazo cunha macropiscifactoría é totalmente falaz, porque na realidade non pasaría de vinte postos de traballo, e todos subvencionados con fondos públicos”.
En Portugal Pescanova respectou os 500 metros, en Galiza non
Ademais, Ana Miranda lembra que “a planta que Pescanova construíu en Mira, Portugal, nun espazo tamén pertencente á Rede Natura, está a 500 metros da costa, mentres que no caso de Touriñán estaría practicamente a pé de praia”.
“A actitude da Xunta de Galiza e do señor Feijóo avalando isto supón tratar a Galiza como unha colonia, onde todo está permitido”, advirte Ana Miranda.
Por último, a representante do BNG no Parlamento Europeo denuncia que “o tipo de acuicultura que promove Pescanova en Touriñán non é sustentábel, e difire do modelo de acuicultura que está promovendo a propia Comisión e o Parlamento Europeo”.
A denuncia presentada polo BNG ante a Comisión de Peticións, unha vez admitida a trámite e debatida, servirá como base a unha decisión da Comisión Europea a respecto da planta de Touriñán.

