Guillerme Vázquez agoira en Barcelona que o movemento popular en defensa da lingua "fará fracasar" o decretazo Feijóo
Guillerme Vázquez e Joan Puigcercós mantiveron unha distendida conversa por espazo de dúas horas
O portavoz nacional mantivo esta mañá un encontro co presidente de Esquerra, Joan Puigcercós, e foi obxecto dunha recepción institucional no Parlament de Catalunya, onde -na compaña do secretario de Relacións Exteriores e Emigración da Executiva Nacional do BNG, Gonzalo Constenla- se entrevistou co presidente da Cámara catalá, o tamén republicano Ernest Benach.
O líder do BNG critica o PSOE galego por “aplaudir coas orellas o recurso de inconstitucionalidade”Na Sede Nacional de Esquerra, logo dunha entrevista de case dúas horas co líder de ERC, Guillerme Vázquez e Joan Puigcercós compareceron conxuntamente perante os meios para abordaren diversas cuestións da actualidade política.
DEVOLUCIÓN DE VISITA
Os líderes de ERC e BNG compareceron conxuntamente na sala de imprensa
A crise económica, o debate lingüístico e as caixas de aforro foron algúns dos asuntos abordados polos dous dirixentes nacionalistas no seu encontro.
POR UNHA SAÍDA POPULAR Á CRISE
“Sobre a crise económica, expresamos o criterio de que desde o BNG non compartimos para nada o xiro á dereita que está a impulsar o señor Zapatero supostamente para saír da crise”, afirmou o portavoz nacional, quen criticou a aqueles que defenden a adopción de “medidas impopulares”, pero sempre a condición de que esas medidas “non se lles apliquen a eles mesmos ou ás súas familias”.
“Nós si pensamos que é posíbel unha saída non impopular, senón popular, á crise económica, pero popular non do PP, claro, senón da gran maioría social da poboación”, dixo.
"Opómonos ao xiro á dereita de Zapatero e non avalamos as medidas impopulares"A saída popular á crise económica “pasa por meter en cintura os mercados internacionais de capital”, por “manter o poder adquisitivo” dos salarios e por “non elevar a idade da xubilación”.
EVITAR O ESPOLIO
Sobre as caixas de aforro, cualificou a pelexa do BNG por manter un sistema financeiro propio do País como un “caballo de batalla”. “Estamos empeñados en dar a batalla política e social para que as caixas de aforro continúen tendo o seu centro de decisión no noso País”, dixo. Criticou con dureza o Goberno central -”porque ten como obxectivo o espolio do noso aforro”- e a posición do PSOE galego -”é paradóxico ver a un partido que se di galego aplaudindo coas orellas a apresentación dun recurso de inconstitucionalidade contra unha lei do Parlamento Galego”.
“O Goberno do Estado négalle a Galiza o dereito a dispor dun sistema financeiro propio, porque pensa que apenas lle vai ter custo político colocarse nesa posición. Nós estamos empeñados en demostrarlle que se equivoca e en mobilizar a sociedade para defender os seus dereitos”, dixo.
Ernest Benach, Guillerme Vázquez e Gonzalo Constenla, fotografados no hemiciclo do Parlament
Guillerme Vázquez e Joan Puigcercós intecambiaron impresións sobre a situación respectiva das linguas galega e catalá.
“No noso caso, atopámonos cun Goberno do PP que explicita, e isto nunca se viu antes no noso País, unha posición política de ataque ao idioma galego”, salientou o portavoz nacional, ao tempo que enfatizou que a saña do PP contra o galego tivo como consecuencia que “se levantase en Galiza un movemento popular de defensa da lingua galega dunha dimensión tamén sen precedentes, arredor da plataforma Queremos Galego, da que o BNG fai parte”.
O líder do BNG agoirou que ese movemento popular “fará fracasar os intentos do PP de restrinxir o uso da nosa lingua no ensino”.

