"Vostede minte e o seu único logro foi dividir a sociedade. Vostede non é o presidente que o país precisa”
Carlos Aymerich, durante un momento da súa intervención
Aymerich afirmou que logo de todo o escoitado ao longo da xornada de debate o único logro que se pode atribuír ao Goberno durante este ano é dar marcha atrás na protección da lingua e dividir a sociedade, “acentuando os peores preconceitos que existen sobre o idioma e os sinais de identidade”.
O portavoz parlamentar aseguroulle a Feijóo que non se trata de discutir sobre quen é máis galeguista mais explicou que goberne quen goberne o lóxico é que un País teña dereito a ter un presidente que non aplique o “manual do mal gobernante”, é dicir, que para agochar o que ese goberno non fixo “busque un enimigo externo para dividir ao País e á sociedade”.
"NON SE PODE FALSEAR A REALIDADE"
Para o voceiro do grupo do BNG, fica demostrado que esta formación política pon sempre por riba os intereses de Galiza fronte a outros cálculos políticos ou electoralistas, como aconteceu coa Lei de Caixas, mais para que se poidan chegar a este tipo de acordos sobre temas fundamentais “non se pode falsear a realidade”, dixo.
Neste sentido, reiterou que Feijóo mentiu sobre os dados das listas de espera e emprazouno a revisar o informe do Valedor do Pobo que se fixo público hoxe. O mesmo acontece cos servizos sociais, obviando as verdadeiras políticas de privatización que hai detrás, de ahí, lembrou, o “dobre” orzamento do Consorcio, para poder introducir a partida pola que se privatizarán os centros de día, ao que, sen embargo, Feijóo non respostou.
INCUMPRIMENTOS
Carlos Aymerich tamén puxo enriba da mesa os incumprimentos en infraestructuras, pois na súa opinión non se pode aplaudir un acordo que o que vai implicar é un retraso de tres anos na chegada dun tren que tiña que chegar a Galiza en 2012; en territorio, “pois aínda estamos agardando polas directrices do territorio” ou na CRTVG, ironizando sobre a desaparición do programa Hai Debate e a súa sustitución por “Foro Alberto”.
No que atinxe aos impostos, o deputado nacionalista foi rotundo e dixo que o modelo que defende o BNG é moi claro, “nós queremos que un multimillonario poida ir a un hospital e non pagar, e os seus fillos na escola, porque cremos e queremos unha sanidade e un ensino públicos, universais e de calidade, é a través dos impostos o xeito de pagar por estes servizos”.
A ESTE PASO, 120.000 PARADOS MÁIS
O parlamentar lamentou que Feijóo, finalmente, non respostara a ningún dos emprazamentos que lle fixo, e advertiu que a este paso chegaremos ao final da lexislatura con 120 plans, 30 por ano, pero 120.000 parados máis.
Para concluir, retouno a que, alomenos, resposte se avala ou non as prácticas caciquís de Ourense e as mocións de censura de Louzán e aclaroulle que “no BNG os profesores de ética os eleximos nós, vostede non ten ningunha credibilidade”.

