Guillerme exixe a retirada do Plano de Ordenación do Litoral por non axustarse á realidade do País
Un aspecto da reunión do portavoz nacional con voceiros municipais e responsábeis locais nacionalistas da comarca do Salnés
“Estamos diante do Plan de Ordenación do Litoral e a primeira pregunta é por que se fai con este escurantismo e rapidez; necesariamente ten que esconder detrás unha posición política que o mesmo PP non é capaz de explicar”, afirmou o portavoz nacional, quen no encontro cos voceiros municipais e responsábeis locais estivo acompañado pola secretaria de Organización, Montse Prado.
“Confúndense silveiras con zonas de protección paisaxística”, ironizou o portavoz nacionalGuillerme Vázquez aludiu á falta de rigorosidade do Plan de Ordenación do Litoral e á planimetría exposta na súa páxina web, que varía de continuo. “Algo cheira a podre en Dinamarca e aquí algo cheira a podre, este plan non só non vai resolver os problemas dende o punto de vista da protección, senón que cara ao futuro vai prexudicar a miles de cidadáns que están practicamente indefensos porque non son quen de albiscar a repercusión deste Plan de Ordenación do Litoral”, debido á falta de información facilitada pola Xunta.
“Dende o BNG estamos profundamente preocupados polo que supón para a protección do noso territorio e para a protección dos bens dos intereses dos cidadáns”, dixo. “Lamentamos que exista ese silencio sobre esta cuestión por parte da Xunta, que tiña obriga de poñer enriba da mesa toda a información”, engadiu.
GRAOS DE AFECCIÓN
Sobre os distintos graos de afección exemplificou que “un regato en Almería, aínda que vaia seco a maior parte do ano, sería algo a protexer, pero iso non ten nada a ver coa nosa realidade dos mil ríos e do millón de fontes”, en referencia á consideración como 'alta protección' que merecen os regatos neste documento. “Confúndense silveiras con zonas de protección paisaxística”, ironizou Guillerme Vázquez, para ilustrar que se trata dun “plan sen rigor, sen ter en conta as especificidades da nosa realidade como País”.
Porén, o POL “cébase no residencia, nas vivendas e núcleos tradicionais e logo deixa barra libre á instalación de industrias na costa, acuicultura, eólicos, infraestruturas, forestais, recheos portuarios... alí onde hai negocio non se protexe o litoral”, explicou o portavoz nacional.
“Calcúlase que 50.000 vivendas construídas poderían ficar fóra de ordenación”UN PLAN INXUSTO, ARBITRARIO E FEITO CON IMPROVISACIÓN
“É un plan inxusto, arbitrario e feito con improvisación, que non responde á nosa realidade, e prexudica a milleiros de cidadáns e cidadás”, sinalou. “Os nosos técnicos calculan que 50.000 vivendas construídas se verán afectadas polos rangos de protección”, dixo.
Para o responsábel comarcal do BNG no Salnés, Xoán Antonio Allegue, este plan ten especial relevancia nesta comarca “xa que dos 10 concellos que a conforman, 9 teñen fachada litoral: Catoira, Vilagarcía, Vilanova, Sanxenxo, Ogrobe, A Illa, Cambados, Meaño e Ribadumia van estar profundamente afectados por este plan de ordenación do litoral”, enumerou.
“Queremos denunciar o escurantismo na tramitación deste Plan de Ordenación do Litoral”, afirmou Allegue. “É un documento que naceu viciado porque a concepción da que parte é errada e porque non nace dun coñecemento da realidade galega”, sinalou.
Así, dende o BNG do Salnés, vaise iniciar unha campaña divulgativa porque se considera necesario “darlle á cidadanía toda a documentación e información posíbel” sobre o Plan de Ordenación do Litoral.

