O Parlamento aproba 33 propostas de resolución do BNG

Ana Pontón, durante a defensa das propostas de resolución do BNG

Santiago, 17 marzo, 2010. O BNG presentou 325 propostas de resolución no debate do Estado da Nación, das que foron aprobadas 33.

Á hora de avaliar as propostas do PP, a viceportavoz do BNG, Ana Pontón, afirmou que o Goberno do Partido popular “non acredita no autogoberno nin na capacidade dos e das galegas para decidir sobre a nosa dinámica económica” e cualificou de “deserción a postura que mantén o Goberno que dirixe Núñez Feijóo”.

A Cámara apoia a proposta do BNG de negociar a transferencia a Galiza da xestión dos aeroportos galegosA viceportavoz do g.p do BNG -quen defendeu perante o Pleno as propostas de resolución nacionalistas- puxo en dúbida “o galeguismo do Partido Popular” que durante todo un ano -dixo- estivo “ausente” dos problemas de Galiza e non formou parte das súas solucións e destacou “a crise económica que soportan moitas familias galegas”.

DESASTROSA XESTIÓN DO PP

Pontón lembrou que o primeiro compromiso do candidato do PP á Xunta de Galiza foi “ loitar contra o paro e crear emprego” pero despois deste debate -dixo-“ o balance presentado non o verificou” e referiuse a “mala xestión política” en : centros de día e escolas infantís pechadas a pesar da demanda de prazas, retrasos nos pagamentos da Lei de dependencia, traballadores/as dos programas de cooperación no ámbito laboral que non reciben o salario, retrasos non salario da liberdade ou redución dun 50% en licitación de obra pública.

O Parlamento dá luz verde á iniciativa do BNG en favor do recurso de inconstitucionalidade contra o FROBPara Ana Pontón, as propostas presentadas polo grupo dos populares demostran que non están dispostos a poñer en marcha “cambios estruturais” e que seguen incidindo nos mesmos defectos e “sen capacidade para mobilizar os recursos da administración económica para poder cambiar o paradigma”.

A deputada do BNG non escatimou criticas á negativa do Goberno da Xunta a aceptar medidas para resolver os problemas do sector lácteo,como reclamaba nas súas propostas de resolución o BNG, ou sobre o sector pesqueiro e afirmou que a saída da crise económica que plantexa o PP está baseada nun “futuro plan do que non temos ningunha referencia, contido ou orzamento”.

Ana Pontón rematou a súa intervención reiterando que o BNG seguirá presentando iniciativas para reactivar a economía galega, buscar unha mellor posición para a lingua rexeitando a súa redución como pretende o Partido Popular e que os servizos públicos continúen a selo como demanda a sociedade galega.

Das 325 propostas de resolución defendidas polo BNG, 23 foron aprobadas e 10 transacionadas entres os grupos parlamentarios.

INFRAESTRUTURAS

O BNG acadou o apoio da Cámara galega para negociar a transferencia da xestión dos aeroportos galegos de interese xeral e adecualos ao tecido social e económico de Galiza

O BNG tamén foi apoiado na proposta de elaboración do proxecto que comunique as comarcas de Terras de Trives e Caldelas coa N-120 e coa futura autovía A-72.

A instancia do BNG, o Goberno galego colaborará co Estado no saneamento e rexeneración integral da ría do Burgo.

O cumprimento dos prazos para a conexión ferroviaria de alta velocidade Vigo- Porto serán negociados polo Goberno galego e o Estado.

O Parlamento galego tamén instará ao goberno para optimizar os servizos de urbanismo provinciais para axilizar os procedementos de autorización da zona de servidume protección de dominio público marítimo-terrestere a partir da entrada en vigor do decreto 449/2009.

SISTEMA FINANCIAMENTO LOCAL

O Parlamento reclamará diante do goberno do Estado:

1º. A modificación do sistema de financiamento local, incorporando aos criterios de reparto para a distribución entre os concello do importe total da Participación nos Ingresos do Estado o avellentamento da poboación, a dispersión poboacional e a superficie territorial.
2º: A modificación do sistema de financiamento local para que sexan as Comunidades Autónomas as que distribúan entre os concellos os importes procedentes da Participación nos Ingresos do Estado, en función da estrutura institucional resultante da lexislación autonómica de réxime local, e as competencias e funcións atribuídas a cada entidade local.

Asemade, o BNG acadou tamén o apoio para que a Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para que a través da Dirección Xeral de Administración Local garanta o cumprimento do establecido na Lei 5/1997 de Administración Local de Galiza, no seu artigo 210.2.a, en todos os concellos galegos, no referido á periodicidade de celebración das sesións plenarias cada dous meses, lembrándollo a todos os concellos que non o fan, e vixiando o seu cumprimento.

CAIXAS DE AFORRO

Ademais se adoptarán medidas para a presentación do Recurso de inconstitucionalidade contra o FROB.

Aplicación de imediato daqueles aspectos da Lei de Caixas aprobada polo Parlamento Galego non recurridas perante o Tribunal Constitucional. Instar ao Goberno español á retirada do Recurso de inconstitucionalidade sobre a Lei Galega de caixas. E non participar en negociacións co Goberno español que devalúen a Lei de Caixas aprobada polo Parlamento de Galiza.
Propostas do BNG aprobadas sobre urbanismo.

URBANISMO

O Goberno galego negociará co Concello de Vigo a sinatura dun convenio para a construción da Cidade Da Xustiza de Vigo. As empresas concesionarias das obras de urbanización e as obras de dotación de servizos para toda a PLISAN recuperán o ritmo adecuado e porán a disposición do tecido empresarial solo industrial no menor tempo.

REDUCIÓN DA FISCALIDADE

Negociarase co Goberno central a transferencia para os plans cuadrienais de vivenda e se creará unha liña de crédito a través do IGAPE ou do ICO para cubrir posíbeis préstamos de adquirentes de vivendas de protección autonómica así como as promovidas ou rehabilitadas para uso propio ou aluguer. Tamén se negociará co Goberno central a aplicación dun IVE do 4% ás vivendas protexidas en vez do 7% actual.

Se incrementarán os medios para á investigación do Fraude fiscal incluíndo un plan contra sociedades “pantalla ou “testaferros” e a través da política orzamentaria se retomará a progresividade do sistema fiscal para a redistribución da riqueza e a corrección das desigualdades sociais.

PATRIMONIO CULTURAL

O BNG acada o apoio do Parlamento galego para cumprir coa lei de Patrimonio sobre Bens de interese Cultural garantindo o acceso ao patrimonio cultural e a súa conservación e protección en xeral procedendo de urxencia nos casos do Castelo de Pambre e no Pazo de Meirás.

No prazo dun mes, se unificarán as competencias en materia de audiovisual e se remitirán ao Parlamento as liñas de actuación e obxectivos que se pretenden acadar ao longo da presente lexislatura.
As propostas de resolución do BNG sobre o impulso ao sector TIC, a Plataforma Loxística de Intercambio de Mercadorías de Monforte de Lemos, ou ao maior control sobre as hipotecas con swatch nas entidades financeiras propias e a redución ao tipo do 4% do IVE aplicado a todos os bens e prestacións de servizos ligados á cadea alimentaria que tributan a tipos superiores, acadaron o apoio maioritario da Cámara galega.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]