Guillerme chama antisocial ao Goberno Feijóo por privatizar os centros de día
Raquel Jabares, Guillerme Vázquez e Manuel Antelo
“O BNG segue pensando que os modelos para a prestación dos servizos sociais teñen que ser públicos, mentres o PP, facendo honra da súa ideoloxía, aposta pola privatización”, explicou. “Trátase de facer dos servizos públicos, negocios privados; isto é o que nos está presentado o Partido Popular”, dixo.
Antelo puxo en destaque que a Xunta despreza os concellos actuando como se o Consorcio fose unha dirección xeral máis
UN GOBERNO AUTORITARIO
A privatización “supón unha ruptura de acordos subscritos dos concellos co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a realidade é que os centros de día construídos e equipados seguen sen prestar servizo aos cidadáns”, sinalou. “O PP está chantaxeando os concellos, porque ou aceptan a privatización ou quedan coa proa posta por parte da Administración da Xunta”, explicou.
“A privatización empiorará o servizo e incrementará o custo para o erario público”“Estamos diante dun Goberno claramente antisocial que concibe os servizos sociais como unha oportunidade de negocio, estamos diante dun goberno autoritario que incumpre os acordos e estamos diante dun goberno que presume de diálogo e practica o contrario”, afirmou Guillerme Vázquez.
O portavoz nacional referiuse a que “nun momento como o que vivimos hoxe de crise económica e de exclusión social, resulta máis necesario ca nunca reforzar o investimento social, para garantir unha prestación de servizos adecuada, sobre todo cando as necesidades sociais son máis evidentes”.
Raquel Jabares afirmou que se inteirara polo propio DOG da privatización do centro de día de Culleredo
Para Manuel Antelo, a Xunta “está a desvirtuar dun xeito burdo o Consorcio, como se fose unha Dirección Xeral e dependente organicamente dela”, cando naceu como unha fórmula de entendemento e de colaboración cos concellos.
“A Xunta de Galiza non pode desprezar deste xeito os concellos, que cederon os terreos para a construción de centros de día, achegaron o 10% do orzamento do proxecto e asumen un terzo dos gastos de mantemento, mesmo utilizando servizos propios municipais”, sinalou Antelo.
Dende o BNG pedíronse explicacións á Consellaría de Traballo e Benestar, manifestáronse as posicións diante da FEGAMP, na Comisión de Seguimento do Pacto Local, na asemblea do Consorcio e no Parlamento Galego.
PETICIÓN DE ENTREVISTA Á CONSELLEIRA
“Non é de recibo que o Partido Popular intente quebrar o funcionamento dos servizos sociais deste País”, afirmou Manuel Antelo. Así, explicou que mesmo os alcaldes e tenentes de alcalde do BNG lle solicitaron unha entrevista cá conselleira de Benestar, Beatriz Mato, para exporlle a situación “e aínda estamos agardando pola data”, dixo.
Raquel, Manuel e Guillerme, nunha reunión preparatoria da rolda de imprensa
O EXEMPLO DE CULLEREDO
A tenenta de alcalde de Culleredo, Raquel Jabares, puxo como exemplo do no seu Culleredo. Alí, o Goberno municipal cedeu os terreos para a construción, achegouse o 10% (500.000 euros) co cargo ao orzamento municipal para a elaboración do proxecto e asinouse un convenio para a xestión coa conselleira Beatriz Mato, no que estabelecían as normas de xestión para súa entrada en funcionamento.
A partir de aí, co novo xerente do Consorcio comezou “un desprezo absoluto por parte do Goberno do PP” e “enterámonos polo propio DOG que o centro de día ía ser privatizado vulnerando o convenio”. “Non imos consentir que se faga das necesidades dos nosos maiores un negocio”, concluíu a tenenta de alcalde.
SELECCIÓN DE PERSOAL
Os dirixentes nacionalistas denunciaron que con este sistema privatizador impulsado polo PP, que vulnera os convenios asinados, os concellos non poden participar na xestión dos centros nin na selección do persoal. A selección do persoal pasa a ser xestionada con criterios privados, isto é, ábrese a porta ao amiguismo e a entrar a traballar nun servizo público sen ningún tipo de garantía de respecto dos principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade.

