Guillerme aposta pola mobilización social para que o Estado levante o veto contra a fusión galega
Santiago de Compostela, 21 Marzo 10.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, instou hoxe a Núñez Feijóo a acabar co “paripé negociador” co Estado sobre a Lei de Caixas e defendeu a mobilización da sociedade en torno ao manifesto Galiza ten dereito como única vía para tentar convencer ao goberno de que retire o recurso e se poida proceder á aplicación da lei e a fusión das entidades galegas.
Guillerme Vázquez, durante o transcurso dunha entrevista na Cadena Ser, anunciou que nos próximos días convocará unha reunión dos firmantes do Manifesto co obxecto de que cada un poña enriba da mesa as súas propostas para avanzar e saír da actual situación na que a “vía negociadora está esgotada”.
Vázquez agarda que siga habendo o mesmo consenso perante un goberno central que está a actuar cunha “prepotencia que se corresponde coa falta de facerse respetar da Xunta”. Para o voceiro nacionalista é preciso que o goberno saiba a inequívoca vontade dos galegos de manter a galeguidade das caixas.
Non obstante, o líder do BNG ve un futuro pesimista, de ahí que considere que só queda a vía da mobilización, pois o goberno do Estado ten tomada a súa decisión e Núñez Feijóo non sabe que facer, “tería que contarnos cal é a súa folla de ruta para conseguir a fusión”, que é contra o que realmente vai o recurso de inconstitucionalidade do Estado, non contra a Lei senón contra a posibilidade dunha grande Caixa galega, lembrou.
Asemade, contribúen ao dito pesimismo, dixo, que o goberno galego sega sen presentar o recurso contra o FROB, para non entrar en contradición co que aprobou o seu propio Partido no Congreso, e a posición do PSdeG, “que en lugares como Catalunya non sería posíbel”, mais advertiu de que cada un será responsábel perante os cidadáns “que son os que acabarán pasando factura”.
Suba do IVE
Sobre a suba do IVE, recordou que precisamente o BNG non apoiou os orzamentos do Estado por discrepar coa política fiscal do Goberno de Zapatero. Para Guillerme Vázquez, deben pagar os que máis teñen e reiterou que a única consecuencia desta suba vai ser o aumento da fraude fiscal e a diminución do consumo, ao incrementarse o prezo de todos os produtos, o que vai en detrimento da reactivación económica que se precisa.
Debate da Nación
No que atinxe ao reciente Debate do Estado da Nación celebrado esta semana no Parlamento, o voceiro nacionalista lamentou que Feijóo non fixera un verdadeiro balance do seu primeiro ano de xestión nin puxera sobre a mesa propostas básicas para facer fronte aos principais problemas que ten Galiza nin para acadar un autogoberno de verdade.
Neste sentido, o líder do BNG lembrou que o presidente da Xunta ten as súas responsabilidades perante a crise económica,”non ten na súa man todas as solucións pero si pode cooperar”, asegurou, e criticou, por exemplo, que a estas alturas aínda non aproveitara a presidencia da Unión Europea para presionar a favor dos sectores produtivos galegos como o sector lácteo.
Retirada do Decreto
Preguntado polo novo decreto do galego, cualificouno de “marcha atrás leve”, froito sen dúbida das “importantísimas mobilizacións da sociedade galega”, pero explicou que para o BNG non é necesario un novo decreto que ademais rebaixa aínda máis a presenza do galego no ensino senón a súa retirada e volver ao consenso que só rachou o PP.
“O PP utiliza o tema do galego para desviar a atención de outros problemas como a crise e fai unha constante provocación con este tema, manténdose nunha liña extremista, citando en castelán a Castelao, por exemplo”, dixo, en relación ao acontecido no pasado debate.
Fronte a esta política, Guillerme Vázquez reiterou o compromiso do BNG con todas as iniciativas da Plataforma Queremos Galego, para impulsar todas as medidas que sexan necesarias para conseguir que o goberno dea definitivamente marcha atrás e deixe de propor “presuntas propostas que buscan o equilibrio e que non son verdade”

