Un Día da Patria 10 para liberar a nación
Un aspecto do acto do Día da Patria celebrado en Vigo
En xogo está o autogoberno, en xogo está a economía e en xogo está a democracia.
Están en xogo o autogoberno, a economía, a democraciaO autogoberno, porque as elites estatais -políticas, xudiciais, mediáticas- están a protagonizar nos últimos meses unha ofensiva sen precedentes. Velaí a recente sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut ou o auto dese mesmo órgao sobre a Lei de Caixas Galegas. A situación é dunha enorme gravidade, como o demostra o feito de o propio Zapatero ter dito que a sentenza do TC sobre o Estatut marca o teito do desenvolvimento autonómico no Estado. A España plural ficou en nada para estes novos neocentralistas.
OS NEOLIBERAIS REFORZAN O SEU PROXECTO
A economía, porque os neoliberais -xa sexan do PP ou do PSOE- non só non renuncian ao seu proxecto vistos os desastrosos resultados prácticos das súas políticas -coa crise máis grave do capitalismo desde a Grande Depresión de 1929-, senón que mesmo o reforzan. Os deseños privatizadores e contrarios aos intereses das clases traballadoras e da pequena e mediana empresa ábrense paso ás ordes de organismos tan pouco democráticos como o Fondo Monetario Internacional ou a CEOE.
E a democracia, porque a saída á crise económica que están a patrocinar todos os gobernos sen excepción -a Xunta, o Goberno do Estado e a Comisión- non é a que queren os cidadáns, senón os chamados mercados financeiros.
Por todas estas poderosas razóns, para defender a Galiza como nación con plenitude de dereitos e para pular por unha saída xusta á crise económica, na que paguen máis os que máis teñen, é absolutamente imprescindíbel unha masiva mobilización este 25 de Xullo de todas e de todos aqueles que traballamos por conseguirmos unha Galiza máis próspera, máis xusta e máis libre.

