Guillerme considera que dedicar a Cidade da Cultura a usos administrativos é a "culminación dun despropósito iniciado por Fraga"

Foto de grupo da candidatura para Santiago co portavoz nacional

Santiago de Compostela, 22 Xullo 10. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, presentou esta mañá no parque de Bonaval a candidatura encabezada por Rubén Cela para as vindeiras eleccións municipais ao Concello de Santiago. No acto, celebrado co lema “Tempo de compromiso con Galiza, con Santiago”, interviñeron tamén a tenenta de alcalde, Socorro García, e o propio Rubén Cela.

“O señor presidente da Xunta non só non é a solución dos problemas do noso País, senón que simplemente é o problema”, dixo o portavoz nacional. “Despois de ano e medio impasíbel, desaparecido, fronte ao principal problema dos galegos e galegas, como é a crise económica, onte mesmo tivemos a ocasión de comprobar cales son as súas iniciativas para facerlle fronte a esta cuestión”, dixo.

“Ao señor Núñez Feijóo ocórrenselle cousas tan interesantes -dixo en ton irónico- para desviar a atención dos problemas como solicitar un maior prazo para devolver os anticipos do Estado feitos ao Goberno autonómico, e digo que isto é unha ocorrencia, porque é o mesmo señor presidente que non hai tanto aceptou o modelo de financiamento autonómico, é dicir, que estaba aceptando as regras de xogo, por certo, contra o opinión do BNG que dixo naquel momento que non era o financiamento que Galiza precisaba”, explicou.

UN LUXO ASIÁTICO

Rubén Cela, durante a súa intervención

Sobre o anuncio de converter un dos edificios do Gaiás en edificio administrativo, ironizou que “creo que, neste momento, non hai Goberno no mundo que non estea pensando en resolver cuestións tan importantes como a crise por esa vía”. “Galiza vai contar cun auténtico luxo asiático, cun edificio destinado a uso administrativo con toda clase de luxos”, explicou. “Por certo, onde está o aforro? Porque se presenta como unha medida de aforro; e o aforro non se ve por ningures, é simplemente a culminación dun despropósito iniciado no seu día nos tempos de Fraga Iribarne”.

Ademais, ironizou con que “postos a que estas sexan as grandes solucións para a crise, que sexa ambicioso o señor Feijóo e que traslade toda a estrutura administrativa da Xunta de Galiza, para o Gaiás; pechamos San Caetano, recualificamos os terreos, facemos un megapelotazo urbanístico e aínda podemos vender Montepío e facemos cartos”. “Hai que ter un pouco máis de seriedade ante os problemas tan importantes para o noso País”, afirmou.


NOVOS TEMPOS, NOVAS POLÍTICAS

Guillerme, no uso da palabra

“Nós falamos de novos tempos, de novas políticas e non de xogos florais para desviar a atención dos problemas como fai constantemente o señor Núñez Feijóo botando balóns fóra ou culpando exclusivamente os demais”, destacou.

Así, “a lista para Santiago de Compostela vaina encabezar unha persoa como Rubén Cela, con experiencia contrastada en tarefas de goberno, nova pero suficientemente preparada, comprometida con Santiago e con este País, como todas as que presenta o BNG, cunha virtude necesaria e importante como son os valores e principios, que tanta falta fan no momento político actual”, explicou o portavoz nacional.

Pola súa parte, Rubén Cela, sinalou que este “é o momento para equipas con capacidade de traballo, con capacidade para solucionar problemas concretos e de ilusionar cara a dentro e cara a fóra”.

EXPERIENCIA CON RENOVACIÓN

“Desa equipa queremos salientar que compaxina experiencia con renovación”, dixo, “experiencia porque consideramos que o labor que vén desenvolvendo o BNG nos últimos dez anos é inmensamente positivo para esta cidade, hai moitísimo traballo e ben feito, hoxe non poderiamos entender Santiago de Compostela sen a achega do BNG, pero consideramos tamén que era preciso incorporar ideas e cara novas, cunha experiencia contrastada no político e na xestión, o que nos permite contar cunha candidatura amplamente competitiva para poder gobernar mañá mesmo”.

“Esta candidatura vai ser capaz de ilusionar ás persoas que confiaron no BNG nos últimos anos, pero tamén a moitas outras persoas que até agora non votaban nacionalismo pero si que o farán a partir de maio de 2011”, sinalou.

TIRAR DE HEMEROTECA

“Vemos todos os días o difícil que é construír e o doado que é destruír, só hai que tirar de hemeroteca para ver o que fixo Núñez Feijóo neste ano e pico na Xunta de Galiza; en Santiago non se vai dar nin un so paso atrás nos avances e conquistas que se conseguiron nos últimos anos, a garantía de que non se dea un paso atrás é precisamente o medre electoral do BNG”, destacou.

“Esta é unha candidatura que ten un modelo claro de cidade, existe unha liña dende a etapa de Encarna Otero, de Néstor Rego, de Socorro García e e das que veñan no futuro, nos aspectos fundamentais nunca hai unha ruptura, nin un bandazo nin un xiro de 180º, ao revés, o que existe é unha continuidade de todas as actuacións que se desenvolveron nesa década”, explicou, “que pivotaron arredor dese modelo de cidade, baseado na galeguización, no máis amplo sentido da palabra, nun concello participado, participativo e cohesionado socialmente, que se basea nuns servizos públicos de calidade, de proximidade, para o conxunto da cidadanía, pero sempre primando as maiorías sociais e os sectores sociais máis desprotexidos e vulnerábeis”.

Entre os aspectos que incluirá no programa, sinalou que “Santiago tamén ten que ser un motor para este País, nós seremos garante para que se cumpran os compromisos coas infraestruturas pendentes, da ampliación do aeroporto, da intermodal, da AP-9, dos polígonos, da depuradora da Silvouta, entre outros, pero estaremos pendentes de crear maior dinamismo, diversificación económica, creación de emprego e de riqueza para todos os veciños e veciñas”.

CURRÍCULO DO CABEZA DE LISTAXE

Rubén Cela é licenciado en Economía pola USC. Especialista en Dereito Tributario. Militou no nacionalismo xuvenil desde os 16 anos nos Comités Abertos de Estudantes (CAE), nos Comités Abertos de Facultade (CAF) e en Galiza Nova, da que foi secretario xeral. Foi director xeral de Xuventude da Xunta de Galiza durante o bipartito. Actualmente é o responsábel local do BNG de Santiago.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]