24 delegacións internacionais asistirán ao Día da Patria Galega
Gonzalo Constenla
O secretario de Relacións Exteriores e Emigración do BNG, Gonzalo Constenla, salientou esta mañá en rolda de prensa que esta celebración “prodúcese no medio dun contexto de ataques á identidade galega por parte do Partido Popular e no que os grandes poderes fácticos económicos queren suplantar aos gobernos e violentar a democracia para impoñer os seus ditados”.
Por iso, salientou que “ademais da importancia do 25 de Xullo como reafirmación dos galegos e galegas da nosa vontade de ser, de decidir o noso futuro é tamén unha data de solidariedade entre os pobos do mundo que queremos dicirlle aos grandes poderes fácticos que queremos decidir o noso futuro”.
“Os nacionalistas galegos -subliñou- non estamos sós: a vontade de ser e decidir é unha arela universal e tamén un dereito recoñecido polas institucións internacionais”.
Por iso salientou que o BNG mantén relacións con organizacións de todo o planeta, “que alén das posicións ideolóxicas de cada unha, compartimos os principios básicos do BNG: a autodeterminación nacional, o antiimperialismo, a democracia e a paz”.
Programa de actos
As 24 delegacións internacionais asistirán o sábado ao Acto de Homenaxe a Rosalía e Castelao no Panteón de Galegos Ilustres e, posteriormente, realizarán unha visita guiada ao Museo do Pobo Galego e manterán un encontro coa Executiva do BNG.
O domingo asistirán ao Día da Patria coa manifestación do BNG na Praza da Quintana e logo acudirán ao FESTIGAL.

