Guillerme na ofrenda a Castelao e Rosalía: "Feijóo quere converter a Galiza nunha provincia sumisa"

Guillerme Vázquez e Iria Aboi

Santiago de Compostela, 24 de xullo 2010. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, advertiu esta tarde na ofrenda a Rosalía e Castelao organizada por Galiza Nova no Panteón de Galegos Ilustres de que “co Goberno do PP e do señor Feijoo Galiza atópase na Segunda División do Estado”.

Guillerme Vázquez denunciou que “co Partido Popular no Goberno galego o noso país é percibido polo Estado como unha provincia submisa, á que non hai que darlle nada porque nada pide”.

“En Galiza temos un presidente ao que só lle importa a súa promoción persoal”

“O Estado -explicou- ve presión política en Euskadi e Catalunya e vece na obriga de negociar pero en Galiza o único que ve é un presidente diletante ao que só lle importa a súa promoción persoal, pero nunca plantexará o máis mínimo problema: nin no debate estatutario, nin no debate sobre o financiamento nin no debate sobre os investimentos en infraestruturas”.

“Feioo non aporta ningunha solución para a crise económica e política de Galiza”

Neste sentido, o portavoz nacional do BNG advertiu de que “o señor Feijoo estase convertendo nun grave problema para Galiza porque non ten ningunha solución nin para a crise económica nin para a crise política que atravesa o noso país”.

Así, denunciou que durante o que levamos de Goberno do Partido Popular “ante a crise económica ao único ao que se dedicou o señor Feijoo foi a privatizar, desmontar as conquistas logradas polo nacionalismo na súa etapa de goberno, atacar a lingua galega, inhibirse ante as dificultades dos nosos sectores produtivos e usar a abusar dos medios de titularidade pública”.

“Galiza é unha nación digan o que digan PP, PSOE e o Tribunal Constitucional”

Por outra parte, o portavoz nacional do BNG subliñou no Panteón de Galegos Ilustres que “diga o que diga o Tribunal Constitucional español, e digan o que digan as cúpulas do PP e do PSOE, Galiza é unha nación”.

“E cando digo que Galiza é unha nación -precisou-, non digo que sexa unha nación gastronómica ou folclórica: é unha nación con todas as da lei que só terá como límite a libre vontade dos galegos e galegas e non ningunha resolución tomada por 12 maxistrados eleitos a dedo polo PP e polo PSOE”.

“O nacionalismo é un proxecto con vocación maioritaria en Galiza porque serve á maioría socia”

Ademais, e neste sentido, Guillerme Vázquez subliñou que “o nacionalismo é un proxecto con vocación maioritaria en Galiza porque o nacionalismo é un proxecto para a maioría social”.

A este respeito, lembrou que “en Galiza levamos décadas experimentando as políticas dos partidos estatais no noso País, cun balance que xa coñecemos: estancamento demográfico, emigración e parálise dos sectores produtivos”.

“As propostas dos partidos estatais para Galiza non dan máis de si, precisamos máis nacionalismo”

Por iso, e ante unhas propostas dos partidos estatais para Galiza que “non dan máis de si” apelou á necesidade de máis nacionalismo para Galiza “porque iso significa máis democracia, máis autogoberno e máis benestar”.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]