Guillerme no Día da Patria: "Galiza só se fará respectar cando se comporte como Nación"
Santiago de Compostela, 25 de xullo 2010. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, afirmou hoxe na praza da Quintana no Día da Patria Galega que “Galiza só se fará respectar no Estado cando decida comportarse como unha nación”.
Ante máis de 20.000 persoas que ateigaban a praza da Quintana, Guillerme Vázquez lembrou a Castelao asegurando que “Galiza só merecerá respecto cando abandonemos a nosa mansedume, despois de saber o que fomos, o que deixamos de ser e o que seríamos con vida independente”.
O portavoz do BNG engadiu que “nin no pasado nin hoxe teñen solución os nosos históricos problemas no marco do Estado centralista” e subliñou que “Galiza só terá futuro se ten capacidade real de autogobernarse, só se fará respectar cando decida comportarse como nación.
Neste sentido, reiterou que “no BNG seguimos dispostos a debater sobre o Novo Estatuto que Galiza precisa e convidamos ás demais forzas políticas a que o fagan, pensando exclusivamente nos intereses de Galiza sen ningún outro condicionante”.
Porén, advertiu de que “quen teña a tentación de que o novo Estatuto fique adiado, e a tentación de consolidar a Galiza na segunda división, que o pense. Non só traizoará a este País, senón que terá que explicarllo ao pobo galego. Que o saiban, non contarán coa complicidade nin co silencio do BNG”.
A este respeito, Guillerme Vázquez advertiu de que coa sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut “reábrese un debate de fundo, que se acentuará: se na Constitución, convertida en momia polo bipartidismo español, non caben as nacións, entón teremos que concluír que simplemente é necesaria outra Constitución porque ou ben a soberanía é compartida ou os pobos camiñarán cara á total soberanía”.
“Zapatero e o PSOE pregáronse aos intereses dunha minoría egoísta e antisocial”
Ademais, o portavoz nacional do BNG criticou “a claudicación de Zapatero e do Goberno do PSOE ante a especulación financeira, ante a ditadura dos mercados”. “Renuncia a gobernar para a xente, prefire gobernar para o Deuschtbank”, asegurou.
Neste sentido subliñou que “o valente sería honrar a palabra dada e gobernar en función dos intereses da maioría social, no canto de pregarse aos intereses desa minoría egoísta e antisocial.
“Suspenso para o señor Feijoo, sen posibilidade de recuperar en setembro”
En canto ao Goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza, o líder do BNG asegurou que “hoxe é unha evidencia que o señor Feijoó, lonxe de ser a solución, estase a converter nun problema para Galiza”.
“Feijóo é o problema para atopar unha saída xusta á crise. é o problema para que o país poida avanzar cara ao status institucional que merece”, advertiu
“O señor Feijoó -engadiu- non asume ningunha responsabilidade: a culpa sempre é de outros, nais si ten responsabilidade cos parados e paradas e de garantir o benestar dos galegos/as”.
Por iso, concedeulle un “suspenso en xestión ao señor Feijoó, como suspende na defensa dos intereses xerais de Galiza”.
“Os problemas do noso país -advertiu-, da nosa xente non se resolverán evitando enfrontarse a eles nin engurrándose diante do Goberno central, e iso é o que Feijóo fai en lugar de gobernar”.
“Saia dunha vez del DESVÁN DE LOS MONJES no que está agochado e póñase a obra, cada día quédalle menos tempo”, esixiulle o portavoz nacional do BNG.
Eleccións Municipais
Guillerme Vázquez tamén se referiu ás vindeiras eleccións municipais, O vindeiro ano concorreremos ás eleccións municipais con vontade decidida de gobernar.
Neste sentido, e respaldado no palco polos candidatos do BNG ás sete cidades galegas, salientou que “nos presentamos con listas elixidas democraticamente e con programas para transformar positivamente a realidade”.
“Aspiramos a gobernar non para ocupar as poltronas nin para contribuír mimeticamente a aplicar as receitas ditadas en Madrid ou Santiago -subliñou-, senón que aspiramos a gobernar para mellorar a calidade de vida dos cidadáns/as como xa demostramos alí onde hoxe o facemos”.
Por último, e citando de novo a Castelao, o portavoz nacional do BNG animou a aplicarse na tarefa de “crear pola superación das vellas discrepancias e por unha fonda transformación económica e social, a nova Galiza que xa bule nos nosos anceios. Unha Galiza máis limpa, máis culta, máis feliz, máis enxebre, máis digna que a Galiza na que viviron e morreron os nosos mártires”.

