"Feijóo parapétase detrás das declaracións de Fraga para negar os dereitos nacionais de Galiza"
Montse Prado, secretaria de Organización do BNG
“O verdadeiramente preocupante destas declaracións de Fraga non só as declaracións en si mesmas, senón o feito de que detrás delas se parapeta o presidente da Xunta, que tamén se ten pronunciado en termos moi semellantes”, afirma Montse Prado, para quen o que fan Fraga e Feijóo é “negar os dereitos de Galiza” e traballar conxuntamente para “colocar o País na Segunda División estatal”.
Para a secretaria de Organización, pouco cabe agardar dun presidente do Goberno, dixo en alusión a Feijóo, que “atribúe ao seu País un rango institucional por debaixo do que xa teñen recoñecido outros”.
“Feijóo é xa un problema para Galiza, como ten dito o noso portavoz nacional. Non é só que negue a Galiza como nación, é que se nega a ter máis competencias para mellorar as capacidades do noso autogoberno. Que podemos agardar dun presidente dun Goberno que se nega a que o seu Goberno teña máis capacidades para actuar e para resolver os problemas?”, pergúntase a dirixente nacionalista.
A intervención de Fraga e as recorrentes declaracións de Feijóo confirman que o PP galego secunda “a deriva centralista” deste Partido a nível estatal. “Estas declaracións demostran a clara incompatibilidade que existe entre o PP e o autogoberno”, conclúe Montse Prado.

