O BNG sinala que “o PP na oposición enganou aos traballadores e traballadoras da CRTVG e no Goberno os estafa”

Santiago de Compostela, 31 Xullo 10. O portavoz de Medios de comunicación e CRTVG do BNG no Parlamento galego, Anxo Quintana, sinalou que “o PP na oposición enganou aos traballadores e traballadoras da CRTVG e no Goberno os estafa”. Así, anunciou que “o BNG vai solicitar a presenza do director da CRTVG no Parlamento galego para que explique a situación da oferta pública de emprego da compañía”.

O BNG presentará unha iniciativa parlamentar “para que o PP teña que dar explicacións sobre a promesa realizada na pasada lexislatura aos traballadores e traballadoras da CRTVG para ter unha estabilidade no emprego, que agora non é capaz de levar á práctica cando goberna”, explicou o deputado nacionalista.

“O PP quere utilizar a oferta pública de emprego non para darlle estabilidade aos profesionais, senón para caciquear cos seus postos de traballo”, afirmou Anxo Quintana.

Desta maneira, “o PP quere impor as bases da OPE na que un tribunal nomeado a dedo polo director poida decidir quen teña emprego estábel na compañía”. Ademais, explicou que o PP é sabedor de que non pode impor as bases do concurso, pero prefire que os traballadores queden sen posibilidades de estabilizar o seu posto de traballo facendo unha manobra de dilación que inviabiliza a OPE e non ofrece ningunha outra alternativa, en contra do que dicía cando estaba na oposición.

O BNG considera esta actuación “gravísima e demostrativa dun PP corrupto moralmente, sen ética e que tira por terra toda a propaganda de limpeza protagonizada por Feijóo”.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]