O BNG rexistrará iniciativas en todas as cámaras contra o xenocidio do pobo mapuche
O representante do Partido dos Mapuches explicou en rolda de prensa os motivos da folga de fame que protagonizan 32 presos políticos en Chile en denuncia da política represiva do estado contra o seu pobo
Santiago de Compostela, 12 Agosto 10. Gonzalo Constenla e Ana Luisa Bouza, membros da Executiva do BNG, ofreceron esta mañá unha rolda de prensa na que estiveron acompañados de Héctor Cumilaf, representante en Europa do “Partido Compatriotas Pueblo Mapuche-Wallmapuwen” e que está a denunciar en todo o continente a situación que vive o seu pobo no estado de Chile.
O BNG, “dentro da súa habitual liña de traballo en solidariedade cos pobos en situacións inxustas e de represión coma ésta”, tal e como explicou o Secretario de Relacións Exteriores da Executiva, Gonzalo Constenla, vai rexistrar no Parlamento Galego, no Europeo e tamén nas Cortes, iniciativas en defensa do pobo mapuche e denunciando o “holocausto” do que foron vítimas coa creación dos estados de Chile e Arxentina.
A deputada Ana Luisa Bouza explicou, pola súa banda, que as iniciativas xa rexistradas na Cámara Galega tratarán de buscar unha declaración institucional de apoio á loita dos presos políticos mapuches porque “aínda que o goberno galego non teña competencias, pensamos que debemos utilizar todos os foros dos que dispoñemos para denunciar esta situación de défice democrático”.
Tal e como detallou Bouza, trátase de reivindicar dereitos humans e denunciar a utilización “dunha lei antiterrorista que se mantén desde os tempos de Pinochet só en contra deste pobo”.
Folga de fame
O goberno de Chile aplica a lei antiterrorista herdada de Pinochet ao pobo mapucheO delegado en Europa do partido do pobo mapuche, Héctor Cumilaf, explicou que na actualidade 32 presos políticos están a manter unha folga de fame en denuncia “da sistemática política represiva do estado chileno” que se materializa nunha lei antiterrorista que lles permite prender e encarcerar sen xuizo aos membros deste pobo.
“Chile é o único país no que existe un dobre xuizo, un civil e outro militar”, explicou Cumilaf, ao tempo que denunciou que o Estado chileno “non amosa ningunha vontade de diálogo cos presos políticos” e, pola contra, recurren a montaxes para silenciar nos medios de comunicación a situación que viven desde o pasado 12 de xullo.
En resposta ás preguntas dos xornalistas, Cumilaf explicou que o pobo mapuche representa arredor do 10 por cento da poboación chilena, sendo un millón de persoas, e que son sometidos a un xenocidio burocrático e estadístico que trata de ocultar a súa existencia.

