O BNG lamenta a morte de dous brigadistas no incendio de Fornelos de Montes e transmite as súas condolencias a familiares e amigos

A portavoz de agricultura do BNG, Tereixa Paz esixe que se investiguen as causas deste sinistro e se depuren responsabilidades

Santiago de Compostela, 13 Agosto, 2010. A portavoz de Agricultura, Gandería e Montes do BNG, Tereixa Paz lamentou hoxe a perda de dous integrantes do dispositivo de loita contra incendios que finaron esta madrugada na localidade de Fornelos de Montes (Pontevedra), mentres realizaban o seu traballo.

A deputada do BNG asegurou que ademais das investigacións xudiciais que se desenvolvan como consecuencia do falecemento destes dous traballadores é preciso que a Consellaría de Medio Rural poña en marcha “unha rigorosa investigación que esclareza os feitos e depure responsabilidades se as houber” Ao tempo de determinar posibles anomalías no funcionamento dos protocolos.

Paz reiterou, en nome do BNG, o se apoio ao conxunto de traballadores e traballadoras que realizan labores de defensa contra os incendios forestais en Galiza e anima á cidadanía a colaborar, no ámbito das súas posibilidades, para rematar coa lacra dos incendios e poñer cerco aos criminais incendiarios.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]