O Parlamento Europeo admite a denuncia do BNG contra a piscifactoría en Touriñán
Ana Miranda e Guillerme Vázquez
O pasado mes de marzo o BNG presentou unha denuncia dirixida á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo na que alertaba da gravidade da construción dunha planta acuícola neste espazo protexido da Rede Natura con “Hábitats prioritarios”.
A representante do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, salientou esta mañá en rolda de prensa en Santiago de Compostela que “deste xeito Bruxelas recoñece que existen indicios de que o Goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza está vulnerando a normativa europea”.
A partir de agora a Comisión Europea iniciará unha investigación preliminar sobre os feitos denunciados que nos próximos meses podería desembocar na paralización do proxecto do Partido Popular para Cabo Touriñán.
“O Goberno do Partido Popular está ao servizo duns poucos, non ao servizo dos intereses xerais de Galiza”
Pola súa parte, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, denunciou que “este caso é unha mostra de que o Goberno do PP ten unha política de depredación do territorio e dos espazos costeiros. “Unha política negativa para Galiza -dixo- porque ao final está baseada non no interese xeral senón para os intereses privados duns poucos, e dunha multinacional acuícola en particular ”.
Vázquez asegurou que “esperamos denuncia serva para salvar o cabo Touriñán e como BNG daremos a batalla por preservar eses espazo natural singular”.
Por último, o líder nacionalista subliñou que “isto non significa que o BNG estea en contra do desenvolvemento da acuicultura en Galiza, senón que defendemos que haino que facer dende a ordenación do espazo costeiro, contando cos concellos e confrarías e organizacións ambientalistas e dende o respecto ao medioambiente”.
“O que non pode ser a Xunta de Galiza, como está a facer o Goberno de Feijóo, é ser a correa de transmisión dos intereses particulares, ten que estar ao servizo deste país”.

