Un novo Estatuto de Nación para combater a crise e defender a nosa identidade
Santiago de Compostela, 4 de setembro 2010.- O BNG presentou hoxe en sociedade a súa proposta de Novo Estatuto para Galiza co que se persegue dotar á Xunta de Galiza de máis ferramentas para saír da crise económica e defender a identidade e os sectores produtivos galegos.
O texto, froito dun longo traballo no que participaron homes e mulleres de dentro e de fóra do BNG de recoñecido prestixio, foi presentado esta mañá en Santiago de Compostela a unha ampla representación da sociedade galega.
“O actual marco estatutario revélase absolutamente insuficiente”
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, subliñou na súa intervención que “o actual marco estatutario revélase absolutamente insuficiente, cun autogoberno raquítico, mal financiado e cun abano competencial moi limitado e permanentemente exposto á invasión estatal” .
Mostrouse convencido de que “son as regras de xogo que nos impoñen, entre elas unha limitade capacidade de autogoberno, as que nos impiden acadar niveis de desenvolvemento económico e social semellantes aos dos países máis desenvolvidos do noso entorno”.
Neste sentido, defendeu a necesidade de “erguer un potente movemento social en defensa dun novo status para Galiza” porque “ou Galiza se sobe ao tren do futuro ou ficará como hoxe está, a efectos prácticos, na 2ª división estatal”.
“Un Novo Estatuto si que lle interesa á inmensa maioría dos galegos”
Por iso, subliñou que “o debate sobre o novo Estatuto si que lle interesa á inmensa maioría dos galegos, porque ten a ver coa mellora das condicións de vida da xente, co combate fronte á crise económica e coa defensa da nosa lingua e da nosa cultura”.
A este respeito, o portavoz nacional do BNG amosouse convencido de que “ningún galego, ningunha galega, aceitará para Galiza o que non é aceitábel para outras nacións do Estado, dende o convencemento de que Dignidade, Nación, Autogoberno é igual a Benestar”.
“O idioma galego ten que acadar o mesmo status legal ca o castelán"
Xa entrando en aspectos concretos, Guillerme Vázquez puxo como exemplo da necesidade dun Novo Estatuto a situación do galego, “unha lingua que soporta o cruel paradoxo de ter no Goberno da Xunta o seu principal inimigo, e que non será verdadeiramente unha lingua oficial na súa propia terra até que acade o mesmo status legal que ten recoñecido o castelán”.
Do mesmo xeito, salientou o debate sobre as caixas de aforros, “onde vemos perfectamente o interese que ten para os galegos dispor dun autogoberno pleno para evitar que se prepare dende Madrid a privatización do aforro galego para a súa posterior expatriación”.
“Núñez Feijoo nin resolve a crise nin a necesidade de Galiza dun novo Estatuto”
Pola súa parte, o portavoz do Grupo Parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, criticou que “Núñez Feijoo diga que isto do Novo Estatuto non é prioritario, que o importante é a crise, e ao final nin resolve a crise nin a necesidade dun novo Estatuto para Galiza, e así andamos”.
Aymerich puxo como exemplo que “se hoxe os gandeiros galegos están a cobrar o menor prezo de toda Europa a culpa non é do Novo Estatuto, senón do Goberno de Feijoo, pero se tivésemos un Novo Estatuto onde Galiza puidera defender directamente os intereses do noso sector lácteo na Unión Europea si que teríamos ferramentas para mellorar a situación dos nosos gandeiros”.
Igualmente, asegurou que “se temos graves problemas de desemprego e as pensións máis baixas do Estado é responsabilidade do Goberno Central e do da Xunta, pero cun novo Estatuto poderíamos ter moitas máis ferramentas para combater a crise”.
“Estamos convencidos -asegurou- de que o progreso e benestar de Galiza só se pode acadar a través dun maior autogoberno”.
“É un texto dentro do marco constitucional”
En canto ao seu encaixe legal, o portavoz do G.P. Do BNG subliñou que “o texto que presentamos respecta o marco constitucional vixente, interpretado de forma dinámica e progresiva porque como demócratas consideramos que a sociedade galega non ten por que adaptarse a un marco ríxido e inamovíbel”.
“O BNG está aberto ao diálogo”
Carlos Aymerich salientou que a proposta estatutaria do BNG “é integradora, cun texto froito do traballo de moitos homes e mulleres de dentro do BNG e de fóra do BNG, reunidos no Foro do Novo Estatuto, e en centos de actos celebrados hai cinco anos”.
Do mesmo xeito, asegurou que “trátase dunha proposta honesta porque só poñendo sobre a mesa todos as nosas propostas poderemos chegar ao acordo que Galiza precisa”.
“O acordo é posíbel, e así o vai facer o BNG, se todos poñemos por diante o interese superior de Galiza”, concluíu.
Entre as organizacións asistentes ao acto salientar a presenza dos sindicatos UXT, CC.OO e CIG, do Sindicato Labrego Galego, da Rede Galega de Empresas, do Movemento polos Dereitos Civís ou de ADEGA.

