Guillerme Vázquez: "Os gandeiros galegos deixaron de ingresar 200 ME dende que goberna o PP"
Rolda de prensa de Guillerme Vázquez e Tereixa Paz
Santiago de Compostela 7 Setembro, 2010. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e a portavoz de Agricultura, Gandeiría e Montes do grupo parlamentar, Tereixa Paz, veñen de denunciar en rolda de prensa a situación pola que están a pasar os gandeiros galegos e a desidia do goberno de Núñez Feijóo que levou a que “dende que goberna o PP, os gandeiros galegos deixaron de ingresar 200 millóns de euros”.
Tal e como asegurou na súa intervención o portavoz nacional, o executivo galego “non puxo en marcha nin unha soa medida para conseguir que, cando menos, o prezo do leite sexa semellante na Galiza ao de outras Comunidades Autónomas ou outros países europeos”.
Así, tal e como exemplificou o líder nacionalista, en xullo deste ano, a media europea do prezo do leite era de 32 céntimos e na Galiza só acadaba os 27,5 céntimos, namentres “o goberno galego non adopta nin unha soa medida para que o prezo sexa semellante”.
“Ante esta situación, a Xunta de Galiza non pode seguir sen asumir ningunha responsabilidade” e advertíulle a Núñez Feijóo de que “os problemas non se solucionan pedindo ao Apóstol. Ten que preocuparse polo que pasa, pola despoboación absoluta do rural. Os gandeiros están desamparados”.
Guillerme Vázquez afirmou que as industrias lácteas son “responsábeis da situación pero, se actúan así é porque o goberno galego estállelo permitindo” e aconselloulle ao Conselleiro Samuel Juárez e a Núñez Feijóo “que se poñan as botas de campo e empecen a tomar medidas máis alá de laiarse. Menos irritación e máis facer”, concluíu.
Peche de 1.200 explotacións
A portavoz de Agricultura, Gandeiría e Montes do grupo parlamentar nacionalista, Tereixa Paz, expuxo na súa intervención a situación pola que está a pasar o sector lácteo no noso país que xa provocou o peche de 1.200 explotacións .
“Despois de 18 meses, podemos dicir que ésta non é unha situación conxuntural, senón crónica e, mentres en outros lugares se recuperaron os prezos do ano 2008, na Galiza o leite está a pagarse 10 céntimos por debaixo”, afirmou Tereixa Paz.
A deputada nacionalista lembrou que “a Xunta ten instrumentos para actuar e facer que esta situación sexa máis igualitaria. Ademáis de culpar á lexislación da situación do sector , o goberno debe porse á fronte para que Galiza recupere o liderado perdido”.
Ausencia do Executivo
Entre as actuacións que podería levar adiante o Executivo galego, Paz lembrou a defensa do BNG da necesidade de levar adiante axudas directas, a negociación a través da Mesa do Leite, ou a penalización ás firmas comerciais que practican o dumping.
Pola súa banda, o portavoz nacional afirmou que “desde logo, o goberno galego debe facer algo máis que non facer nada. Pode preguntarlle ao señor Sarkozy ou a outros presidentes que é o que fixeron para conseguir que o prezo do leite sexa distinto”.

