Xosé Carballido expón no Foro das Ideias do Bloco de Esquerda o modelo do Banco de Terras
Xosé Carballido: “O primeiro que pode exportar o BNG é o convencemento da valía do propio, do futuro do país”
Santiago de Compostela 9 Setembro, 2010. O BNG segue a dar exemplo e a exportar ideas que puxo en marcha no seu día no goberno da Xunta. Este verán, o membro do Consello Nacional Xosé Carballido, participou no Forum de Ideias “Socialismo 2010”, en Braga, organizado polo Bloco de Esquerdas para expor alí o modelo de Banco de Terras desenvolvido no noso país. O que foi primeiro conselleiro-delegado do Bantegal foi o encargado de exportar as ideas nacionalistas.
Como xurdiu a posibilidade de participar neste foro?
O Bloco de Esquerdas presentou unha iniciativa no Parlamento portugués que utiliza como modelo o Banco de Terras desenvolvido polo BNG na Consellaría do Medio Rural. O presidente da Comisión de Agricultura, Pedro Soares, tivo unha reunión na Galiza con Alfredo Suárez Canal, ex-Conselleiro de Medio Rural, e Tereixa Paz, portavoz do BNG na Comisión de Agricultura do Parlamento Galego, para se interesar polo modelo de Banco de Terras. Foi a raíz desa reunión cando o Bloco de Esquerdas manifestou o seu interese pola participación do BNG no seu Foro de Ideias e tocoume a min a responsabilidade de participar nel.
Cal foi a acollida do proxecto en Portugal?
No país irmán están vivindo unha forte perda de superficie agraria útil, nun proceso moi semellante ao vivido na Galiza. Polo tanto, a idea é perfectamente trasladábel alí. O Banco de Terras consegue dinamizar a base territorial e evita o abandono das terras coa conseguinte proliferación de incendios forestais. A idea tivo unha grande repercusión nos medios de comunicación e o relatorio que me tocou defender acadou bastante receptividade. A iniciativa presentada polo Bloco no Parlamento portugués aínda non foi tramitada, pero quedou claro que o proxecto é asimilábel.
Nestes anos houbo outros países que amosasen interese polos proxectos do BNG?
Sí, 22 países da FAO interesáronse no seu día pola iniciativa e xa estivemos en Budapest expondo o proxecto que é novidoso no seu funcionamento e que resulta tan sinxelo e complicado ao tempo. Tamén dese Euscadi amosouse interese por implantalo no seu territorio.
En que reside o atractivo do modelo nacionalista de Banco de Terras?
En que, a diferencia de outros modelos, nos que o Estado merca as terras e as pon en aluguer, o modelo galego facilita que as terras, que siguen sendo de titularidade dos seus propietarios, se poñan en arrendamento. Así evítase un importante desembolso económico. O Bantegal consegue, ademais, superar os tres obstáculos fundamentais que existían. Por unha banda, a ausencia de tradición de arrendamento polo medo á perda da propiedade; a garantía de cobro do arrendamento e da integridade física da parcela. O noso modelo supera estes tres problemas creando un banco público que asume estes riscos e garante a devolución da finca.
O modelo púxose a funcionar na Galiza. Tivo éxito?
Existe unha demanda real de terreo. Por exemplo, para as explotacións gandeiras é máis interesante empregar pastos que herba. A través do Banco moitas explotacións poden ampliar a súa base de xeito barato cando o prezo da terra na Galiza é moi alto.
Cal é o futuro do proxecto nas mans do goberno do PP?
O Bantegal precisa un tempo de consolidación. O primeiro ano informouse aos agricultores e logo hai unha segunda fase pendente de rematarse para dar a coñecer o proxecto aos propietarios. Na Galiza, como sucede xa tamén en Portugal e por iso o Bloco estaba tamén moi interesado nesta parte do proceso, moitos propietarios absentistas son xente que vive nas vilas ou nas cidades e teñen que coñecer esta posibilidade.
O PP ten un pouco paralizado o proceso, malia ter recoñecido a utilidade do Banco de Terras e, se non se fai ese traballo, o proxecto corre o risco de esmorecer.
O éxito no exterior deste proxecto demostra que o nacionalismo galego ten moito que aportar e exportar?
O que queda claro é que o primeiro que hai que facer é crer no país. Cambia moito dalo todo por perdido ou, polo contrario, pensar que un país é rico e ten futuro. O BNG sempre tivo claro que o agro é un sector estratéxico e que as políticas centradas nel son clave para a vitalidade do país. A partir de aí xurden proxectos como o do Bantegal, ou o do contrato homologado. Mais a nosa principal aportación é ese convencemento de que o noso país ten futuro e, a partir de aí, deseñamos políticas á nosa medida que en moitos casos se poden aplicar en outros países.

