Guillerme advirte de que a Lei de Augas da Xunta do PP "vai duplicar ou triplicar o que imos pagar pola auga"
Numeroso público asistiu ao acto na Laracha
No acto, organizado polo BNG, e ao que concorreron numerosas persoas das comarcas de Bergantiños e da Coruña, defenderon que “a auga non é unha mercadoría, non é un simple ben comercial, como entende o PP, senón un patrimonio colectivo que é preciso protexer e tratar como tal”.
Xoán Sande, portavoz municipal do BNG na Laracha
Lei recadatoria
“Este proxecto de lei non é unha Lei de Augas a Galiza, é simplemente unha lei recadatoria cuxa aplicación vai supoñer unha suba brutal da carga tributaria aos usos domésticos e nomeadamente aos residentes do rural”, sinalou Guillerme. Así, lembrou que nunha das emendas do BNG pedíase “que todos os núcleos de poboación de menos de 2.500 habitantes fosen exentos do canon da auga”.
Dende o BNG, dixo, “presentamos 33 emendas ao articulado coa intención de mellorar este proxecto de lei, que vai duplicar e triplicar en moitos casos o que os galegos e as galegas imos pagar pola auga”.
“Iso queda claramente demostrado co que ten previsto recadar a Xunta de Galiza polo canon da auga e polo coeficiente de vertido; a Xunta vai pasar de recadar 33 millóns polo actual canon de saneamento a 68 millóns de euros, tal e como figura na memoria económica que acompaña á lei”, engadiu Guillerme. “Está claro de onde van saír eses 34 millóns de euros máis, dos petos dos galegos e das galegas, iso é algo que non podemos consentir”, remachou.
“Os nosos ríos para o Partido Popular son meros produtores de enerxía eléctrica, estamos ante un Goberno que, unha vez máis, vai a primar o negocio particular duns poucos”, enfatizou o líder do BNG.

