O Goberno Local do BNG aproba o Orzamento de 2010
O pleno do Concello de Melide aprobou, en sesión extraordinaria, o presuposto para o exercicio 2010, que ascende a 5.220.000 euros. O concelleiro de Facenda o nacionalista, Antonio Díaz, destacou que “aprobamos un presuposto que nace nun momento no que os concellos debemos facer fronte a dous retos singulares: por un lado a diminución de ingresos dos concellos, derivados fundamentalmente da caída da actividade inmobiliaria; e por outro lado a caída dos ingresos doutras administracións, especialmente a participación dos tributos do Estado”.
O portavoz do BNG, Antonio Díaz, referiuse “á forte influencia que está tendo a crise económica global que vivimos nas economías dos concellos, que se plasma nunha gran dificultade para axustar os presupostos municipais”. Aínda así, do orzamento de 2010, o equipo de goberno do BNG de Melide destacou hoxe “a elevada partida orzamentaria destinada ao capítulo de investimentos –obras- que supera os 2,5 millóns de euros. A alcaldesa de Melide, Socorro Cea, quixo destacar esta cantidade, xa que “supera en moito as cantidades destinadas a obras nos últimos anos”, e puxo como exemplo os 830.000 € destinados polo último goberno do PP a este capítulo de investimentos.
Do orzamento de 2010 tamén se destacan os preto de 50.000 euros (48.650 €) destinados a subvencións que recibirán as asociacións de Melide, tanto culturais e deportivas como de outra natureza. O BNG através da alcaldesa de Melide destaca que neste apartado “o gran traballo desenvolvido polas asociacións de Melide, e que deben seguir contando co apoio directo do Concello, aínda que sexa necesario, como neste ano, realizar axustes nas cantidades. Aínda así, estamos contentos por dobrar a cantidade que o PP destinaba a este fin, posto que no ano 2006 as asociacións do concello recibían arredor de 25.000 euros en subvencións.”
Reducións nos soldos públicos. Outros asuntos debatidos neste pleno, de marcado carácter económico, foron a aprobación –por unanimidade en todos os casos-, das reducións das retribucións ou soldos tanto dos políticos do Concello como dos propios traballadores municipais.
No pleno deuse conta da opción escollida polo Goberno Local para aplicar as reducións dos soldos aos traballadores municipais, sobre as que a alcaldesa destacou que “se adoptou a solución que menos prexudicaba aos traballadores, de entre as que ofrece a lei”.
Por outra parte, tamén se aprobou a rebaixa nas retribucións dos catro políticos que teñen dedicación exclusiva no Concello de Melide, reducíndose un 7% no caso da alcaldesa e un 6% no caso dos outros tres concelleiros que se dedican en exclusiva ao Concello. Esta medida non forma parte das obrigas contempladas no Decreto Lei que regula a adopción de medidas extraordinarias para a redución do déficit público. O Goberno local do BNG explicou no pleno que “aínda que a lei non obriga aos concellos a reducir as retribucións dos seus políticos, este equipo de goberno quixo unirse aos esforzos que están facendo todos os traballadores, e por iso tomamos a iniciativa de solidarizarnos coa redución das súas nóminas, aplicando esta medida tamén aos políticos do Concello”.
A asignación a grupos políticos reduciuse tamén por unanimidade de 120€ a 100€ por grupo cada mes, ao tempo que tamén se reduciu de 60€ a 50€ a asignación que recibe o partido por cada concelleiro que forma parte dos tres partidos políticos con representación no Concello de Melide.

