Comezan as obras de mellora de outras tres rúas de Melide

O Goberno Local don BNG de Melide acaba de iniciar as obras de mellora de outras tres rúas da vila. Con esta actuación, o goberno local chega á cifra de corenta rúas melloradas no que vai de mandato, o que supón unha cifra moi alta que confirma que nunca antes se fixera tantas obras en tan pouco tempo.


Este proxecto suporá a mellora de tres rúas de Melide: rúas Campos, Crego Xosé Manuel Rodríguez Pampín, e a rúa Puerto Rico.
O Gogerno do BNG considerou de enorme interese a mellora da rúa Campos, por ser a principal saída do Colexio Mestre Pastor Barral en dirección á vila, e que nestes momentos non dispón de beirarrúas por ningunha das súas marxes. Nas obras que acaban de comezar contémplase, amais da mellora integral do firme, a dotación de beirarrúas, que garantirá a mellora da seguridade tanto para os peóns, maioritariamente nenos que van ao colexio,  como para os condutores.

En canto á rúa Crego Xosé Manuel Rodríguez Pampín, moi próxima tamén ao colexio Mestre Pastor Barral, dicir que se vai levar a cabo unha completa actuación, posto que se van separar en toda a rúa as augas pluviais das fecais. A zona, que conta con numerosas vivendas unifamiliares, ten un firme totalmente estragado dende hai moitos anos e que agora será reposto na súa totalidade.

Xa son corenta as rúas melloradas nos últimos tres anos de goberno do BNG
A terceira das rúas obxecto de mellora é a Puerto Rico, na zona do Forte,  que estivo totalmente abandonada nos últimos anos, tendo os veciños da rúa  moitas dificultades para poder saír das súas casas en pleno inverno debido ao pésimo firme de terra que ten dende hai anos.
Todas estas melloras teñen unha dotación orzamentaria de 95.000 euros, e sumarase ás moitas actuacións que xa leva realizado o goberno local do BNG en materia de mellora e humanización de rúas de Melide. O prazo de execución das obras é de dous meses.
Para a rexedora municipal do BNG, Socorro Cea, “trátase de actuacións solicitadas polos veciños hai moitos anos e que por fin agora son atendidas”. A  estas tres rúas sumaranse nas próximas semanas obras de mellora en outras catro rúas na zona da Martagona, chegando así a corenta rúas melloradas en só tres anos.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]