O BNG fai un chamamento á participación masiva no Día da Patria, que celebra baixo o lema "Fai valer a túa forza"

A secretaria de Organización, Montserrat Prado, e a secretaria de Propaganda, Ana Pontón, presentaron en rolda de imprensa na Sede Nacional a campaña do 25 de xullo, Día da Patria Galega, que nesta edición se celebra baixo o lema “Fai valer a túa forza” e co sublema “Fracasado o seu modelo ao servizo da banca, unha economía ao servizo do pobo e ao servizo de Galiza”. “Este 25 de xullo celébrase nun contexto complicado, non só de crise económica senón tamén de crise da propia democracia”, afirmou.

“No BNG estamos convencidos de que fronte a esta situación, hai moitas persoas dispostas a non renderse, que cren que unha saída xusta a esta crise é posíbel, hai alternativa”, dixo, “hai moitas persoas que queren máis nación no convencemento de que na defensa do propio e nas solucións dende a nosa realidade está o futuro, convencidas de que é preciso ter ambición nacional”.

“Máis que nunca, Galiza precisa dunha forza política propia, como é o BNG, unha forza política que tome as súas decisións exclusivamente en función dos dereitos do noso País, que defenda os nosos sinais de identidade en xeral e a lingua en particular, que defenda a economía do País e un novo estatus político que permita que Galiza xogue na liga das nacións e, para iso, é necesario un auténtico Estatuto de Nación”, sinalou Montserrat Prado. “A todas estas persoas se dirixe o BNG neste 25 de xullo, Día da Patria Galega, para que fagan valer a súa forza individual e a súa forza colectiva como pobo para reivindicar máis poder político para esta nación”.

Pola súa parte, Ana Pontón, sinalou que “o lema está centrado no principal problema que hoxe ten Galiza, na principal preocupación dos galegos e galegas, que é a crise”. “No BNG levamos varios meses denunciando a falta de capacidade tanto do Goberno galego como do Goberno central para facerlle fronte á crise económica como tamén ao desacertado das receitas que neste momento se están aplicando”, explicou.
“Neste sentido, somos a única forza galega que está reclamando unha política alternativa, que se poña a economía ao servizo do pobo, ao servizo das maiorías sociais e, polo tanto, estamos reclamando un cambio de modelo e criticando o enfoque das principais forzas estatais”, destacou a secretaria de Propaganda.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]