O BNG de San Cibrao propón unha serie de medidas para eliminar de forma definitiva os verquidos ao río Barbaña
San Cibrao das Viñas, 26 de xaneiro de 2010
Ante as continuas e reiteradas verteduras ao río Barbaña é preciso tomar as medidas necesarias co fin de erradicar dunha forma definitiva as verteduras contaminantes.
Tras os últimos acontecementos do pasado xuño do 2009, co resultado de máis de 17.000 peixes mortos, e o máis recente, de principios de xaneiro deste ano, levounos a unha situación de maior gravidade- xa que o río non é quen de asumir tal cantidade de emisións. Polo que debe ser o Concello de San Cibrao o impulsor, desde onde se potencien todas as iniciativas co fin de erradicar dunha vez por todas os vertidos ao río Barbaña, e non comportarse como un suxeito pasivo e inactivo, como ata agora ven acontecendo. Esta situación pode levar a creba económica do Concello, xa que tras a contaminación veñen as multas económicas; como algunha xa anunciada de 450.000 € e as seguintes que poderían chegar.
Non debemos esquecer que existe responsabilidade política, por non ter tomado nin efectuado ningunha medida para que se eviten as contínuas e reiteradas agresións en forma de verquidos, xa solicitadas de forma reiterada. É responsabilidade de todas e de todos esixir ao Concello de San Cibrao das Viñas e á Xunta de Galiza que sancionen ás empresas que botan os verquidos á rede de sumidoiros e de dotar a San Cibrao dunha EDAR que realmente funcione como tal – depurando as augas que chegan a depuradora- se queremos pór realmente fin as verteduras ao río Barbaña.
En consecuencia o BNG do Concello de San Cibrao das Viñas solicitará no vindeiro Pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes acordos:
1.- Elaborar unha Ordenanza Municipal Reguladora dos Vertidos á rede de Saneamento Municipal: que inclúan dereitos, deberes e obrigas dos usuarios e posibles sancións por incumprimento.
2.- Crear un Rexistro de Empresas asentadas no Parque Tecnolóxico, Polígono Industrial, Polígono Comercial de Barreiros, coa indicación da actividade á que se adican, mencionando os produtos ou elementos que utilizan no desenvolvemento da súa actividade.
3.- Elaborar un protocolo de actuación para que dunha forma periódica e de forma aleatoria, se inspeccionen ás empresas usuarias da rede de saneamento.
4.- Eliminar todos os vertidos directos ao Río Barbaña.
5.- Esixir á empresa concesionaria do mantemento da EDAR, Espina y Delfín, responsabilidades económicas e legais, por non teren detectado e retido os verquidos tóxicos. Esixirlle que tomen as medidas que consideren oportunas para que esto non volva a acontecer.
6.- Esixir á Xunta de Galiza, que a través do ente “Augas de Galiza” controle de forma exhaustiva o funcionamento da EDAR de San Cibrao.
7.- Esixir á Xunta de Galiza unha ampliación da EDAR, para que en caso de vertedura se poidan almacenar .
8.- Esixir á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que revirta as posibles multas impostas ao Concello de San Cibrao, en obras de rexeneración do río Barbaña no tramo do Concello de San Cibrao das Viñas.

