O BNG mostra a súa sorpresa pola publicación de datos dun sumario que os propios afectados descoñecen
Ourense, 28 de xaneiro de 2010
O consello local insta a unha rápida resolución xudicial do caso, ao tempo que critica a lentitude do fiscal instructor
Diante da información aparecida en algún medio de comunicación no que se imputa a determinadas persoas desta organización ao parecer en presuntos delitos de falsidade documental e prevaricación na adxudicación de catro paneis luminosos informativos na cidade de Ourense, o Consello Local do Bloque Nacionalista de Ourense quere indicar o seguinte:
1. Manifestar a sorpresa pola aparición nun diario desta cidade dunha información detallada dun sumario xudicial en que presuntamente aparecen como imputadas determinadas persoas, algunha pertencentes ao goberno municipal da cidade e militantes desta organización, antes de que estas teñan coñecemento do contido do correspondente auto xudicial.
2. Alegramonos, en todo caso, de que este expediente pase por fin a mans do xuíz, ao tempo que solicitamos das instancias xudiciais que resolvan a maior brevidade e o xuíz ordene definitivamente o arquivo do expediente respecto dos cargos e funcionarios do concello, reiterando unha vez máis a nosa plena confianza no estado de dereito.
3. Logo dun lento e inusual proceso instruído polo fiscal, ao parecer a instancias do Partido Popular e con información aportada por este partido, según se indica na noticia de prensa, parece que o xulgado iniciou as dilixencias previas. Manifestamos o noso asombro por que a fiscalía realice unha imputación a membros desta organización polo que parece ter especial teima, como xa aconteceu recentemente cando imputou ao entonces delegado de Industria pola súa responsabilidade nuns incendios forestais que tiñan sucedido incluso antes de que ocupara o cargo, causa que foi sobreseída posteriormente polo xuiz.
4. É rechamante ver como este caso salta cando o PP de Ourense está máis necesitado que nunca de tapar as súa leas internas, procurando cortinas de fume que non fagan ver á cidadanía as actitudes de aniquilamento entre compañeiros da propia organización conservadora.
5. Por último, e respecto ao fondo do asunto, manifestar o convencemento desta Organización da falta de motivación, toda vez que o propio goberno municipal anulou cos votos de PSdeG e BNG o expediente, sen chegar a facerse ningunha adxudicación, toda vez que non se reunían os requisitos necesarios para levar a cabo este tipo de contratacións, resolución convalidada posteriormente polo Consello Consultivo de Galiza.
Finalmente, queremos recordarlle a toda a sociedade o noso compromiso por un Ourense mellor. Seguiremos a traballar por facer da nosa cidade un lugar máis humano e centrado nos intereses de todos os seus veciños e veciñas como demostran tres anos de boa xestión nas áreas de goberno municipal.

