Jorquera pede a Fomento que reclame a AUDASA un Plano de medidas "efectivo" para evitar situacións de caos como a da AP-9

Madrid, 3 decembro 08. O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa para pedirlle ao Ministerio de Fomento que demande a Audasa un Plano de medidas preventivo “axeitado, eficaz e suficiente” para actuar en situacións de condicións meteorolóxicas problemáticas como no día de onte na AP-9.

O deputado do BNG realiza na exposición da súa iniciativa parlamentar un resumo do caos de tráfico vivido onte na autoestrada AP-9 en dirección a Santiago de Compostela e en dirección a A Coruña. Pón de manifesto que a pesar “das coñecidas previsións meteorolóxicas que anunciaban temporais de neve e xeo, non se evitou o enorme caos que se produciu onte na autoestrada, e logo, en consecuencia, tamén na estrada de titularidade estatal N-550 entre A Coruña e Ordes.

O Plano de actuación de Audasa en cuestión

Neste sentido, salienta que está en cuestión o “plano de actuación que Audasa afirma ter levado a cabo e que ante a magnitude do acontecido se demostrou totalmente ineficaz e insuficiente”. Así, salienta o feito dun firme resbaladizo que “á altura de Ordes resultaba completamente impracticábel e ingobernábel para os vehículos que sairon a primeiras horas da mañá de onte”. Situación que provocou, accidentes, saídas de coches da vía, retencións e choques en cadea, que provocaron o peche da autoestrada durante horas.

Para o deputado do BNG “é evidente que as medidas adoptadas por Audasa non foron suficientes nen eficaces a pesar da súa obriga de ofrecer un servizo óptimo aos usuarios que pagan elevadas peaxes por circular por esta estrada. Precisamente, en aras a evitar a repetición de feitos así sería pertinente que Fomento exixise á concesionaria un plano preventivo de actuación para situacións de climatoloxía invernal que sexa máis ambicioso, coa aplicación de máis medidas e máis medios que eviten chegar a situacións como as vividas onte”.

Jorquera quer saber que avaliación realiza Fomento das medidas adoptadas por Audasa na AP-9, “considera o Ministerio que as actuacións levadas a cabo pola concesionaria foron axeitadas e suficientes para facer fronte ás xiadas producidas na madrugada do 2 de decembro? Dirixiuse Fomento a Audasa para coñecer en concreto que medidas adoptou?”, son algunhas das preguntas que formula ao Goberno.

Ademáis, quer coñecer se Fomento prevé peder explicacións a Audasa pola situación de caos sofrida por miles de conductores da AP-9, tanto en sentido a Santiago como en sentido a A Coruña na xornada de onte.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]