O BNG defende no Pleno o non aos Orzamentos estatais 2010 porque "non son bós nen para Galiza, nen para as maiorías sociais nen para superar a crise"
Madrid, 20 Outubro 09. O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, defendeu esta tarde no Pleno do Congreso a emenda á totalidade presentada polo BNG aos Orzamentos Xerais do Estado para o vindeiro exercicio 2010. As tres razóns fundamentais do rexeitamento do BNG son: a política fiscal regresiva e antisocial, o insuficiente investimento territorializado para Galiza e unha baixada do investimento en política social.
O deputado do BNG afirmou que estes Orzamentos “nen son bós para Galiza, nen para as maiorías sociais, nen para superar a crise e asentar as bases dun novo modelo de crecemento. Por iso, presentamos esta emenda de devolución”.
En canto á materia fiscal, Jorquera explicou que a “política tributaria debe ser un instrumento de redistribución da renda que contribúa a correxir as crecentes desigualdades sociais”. Puxo en destaque que na última década no Estado español, as rendas de capital e as rendas mixtas medraron a un ritmo moi superior ao das rendas de traballo, “de xeito que xa representan máis do 50% da renda total. Un crecemento desigual aínda maior se nos fixamos no 10% máis rico, que se distanciou nos últimos anos das rendas medias e baixas”.
No tema fiscal queren arranxar o desaguisado pola vía máis rápida
Lembrou que o BNG propuxo un paquete de medidas fiscais que “ademáis de garantir a capacidade recadatoria do Estado, introducían unha maior progresividade, equidade e xustiza fiscal. Non as aceitaron e terán que explicar por que”. Reiterou as principais discrepancias do BNG no tema fiscal: “discrepamos sobre todo da suba dos tipos reducido e normal do IVE. Aumentar o IVE supón penalizar as rendas máis baixas pois son as que destinan unha maior porcentaxe das súas rendas ao consumo”.
Tildou esta medida de “regresiva”. E afirmou que nun contexto de crise, “parécenos contraindicado penalizar o consumo porque así dificilmente se pode incentivar a recuperación da demanda”.
O deputado do BNG acusou ao Goberno de “non querer asumir os seus propios erros: baixaron alegremente impostos en tempos de bonanza, adoptaron medidas demagóxicas e irreflexivas cando xa se comezara a crise, como a supresión do imposto do patrimonio ou a dedución dos 400 euros, e agora intentan arranxar o desaguisado pola vía máis rápida, no canto de admitir que é preciso un replantexamento a fondo das súas políticas fiscais”.
Galiza sae perdendo coa consignación orzamentaria
O deputado do BNG puxo de manifesto o défice histórico de Galiza en materia de infraestruturas e “estes Orzamentos recollen, por vez primeira en dez anos, un investimento para o noso pais inferior ao do exercicio anterior. Até o punto que Galiza é a quinta Comunidade que ten un maior descenso no investimento”.
Para Jorquera a caída no investimento na Galiza “sería xustificábel se o motivo fose o remate das grandes infraestruturas pendentes, pero é evidente que non é así”. Denunciou que as principais infraestruturas padecen un grande retraso e “con esta consignación o retraso se acentuará”.
Foi ao concreto ao enunciar as obras do AVE. Tildou de “alarmante infradotación o tramo Lubián-Ourense, precisamente o que acumula maior retraso”. No Eixo Atlántico, os tramos de A Coruña-Ferrol e Vigo-Tui “na práctica resultan excluidos, como tamén sucede coa conexión de Lugo con Ourense”. Asemade, criticou a falla de “compromiso inversor do Ministerio de Medio Ambiente á alarmante” e denuncia a parálise de investimentos prioritarios como o saneamento das rías e as estacións depuradoras”.
Diminúe o investimento social, e en I+D+I e educación manténse cando son os sectores prioritarios para mudar o modelo produtivo
Asemade, censurou as políticas de gasto que non dan prioridade ás políticas sociais nen introducen estímulos para o cambio de modelo produtivo. Jorquera salientou o feito de que as “grandes prioridades de gasto amosan un orzamento paliativo. Non hai medidas adicionais de proteción social que determinen un compromiso claro cara políticas sociais. Todo o contrario: o gasto social diminúe. Tamén é insuficiente o leve aumento en educación, e o investimento en I+D+I decrece a pesares de que falen de mudar o modelo produtivo”.
Criticou o pouco esforzo en sectores prioritarios para cambiar o modelo produtivo.

