Pleno do Congreso: O BNG vota en contra do dictame de Orzamentos do Estado 2010
Madrid, 11 Novembro 09. Os parlamentares do BNG no Congreso, Francisco Jorquera e Olaia Fernández Davila, votaron esta noite en contra do dictame de Orzamentos Xerais do Estado 2010.
Hai que lembrar que o BNG presentou unha emenda á totalidade aos Orzamentos do Estado 2010, debido á “fiscalidade regresiva, porque non se cubren as necesidades de Galiza e pola pouca dotación en políticas sociais”. En coherencia con esta postura, os parlamentares nacionalistas galegos votaron non ao dictame de Orzamentos que se votaba a última hora de hoxe no Pleno do Congreso.
As razóns do rexeitamento do BNG a estas contas do Estado foron explicadas no debate das emendas de totalidade. En primeiro lugar, o BNG manifestou o seu desacordo coas modificacións fiscais de carácter regresivo, especialmente o que atinxe ao incremento dos tipos impositivos do IVE que penaliza as rendas máis baixas. En segundo lugar, o desacordo coas políticas de gasto porque “non acentuaban o gasto social nen introducían estímulos para o cambio do modelo produtivo”. E, en terceiro lugar, debido ao investimento territorializado para Galiza porque “non cubría as necesidades de financiamento dos principais proxectos”.
Aínda así, o BNG logrou incrementos nas partidas para Galiza e modificacións fiscais de calado
A pesar da posición contraria do BNG, no proceso de tramitación das emendas en Comisión, os nacionalistas galegos conseguiron unha serie de melloras tanto no referente ás partidas territorializadas para Galiza, como en cuestións fiscais e outras. Acordos que foron aprobados esta noite nas votacións das emendas no Pleno da Cámara.
É preciso lembrar que o BNG acordou co grupo socialista transaccionais relativas ao capítulo fiscal de grande calado como é a modificación da coñecida como “Lei Beckham”, o mantemento da dedución fiscal dos 400 euros para as rendas máis baixas, e tamén prorrogar o Plan de automoción 2000E na mesma cuantía que estivo vixente para este ano 2009: 100 millóns de euros.
Respeito ás partidas territorializadas para Galiza, os nacionalistas galegos lograron que os Orzamentos do Estado consignen 30 millóns máis para o noso territorio.
Estas melloras nos Orzamentos do Estado foron cualificados por Jorquera como “avanzos positivos” pero que non modificaron a avaliación global do BNG sobre estes Orzamentos estatais “cos que estamos en profundo desacordo”.
30 millóns máis para os investimentos en Galiza e melloras fiscais para o sector agrario
No que atinxe aos investimentos territorializados, o BNG conseguiu uns 30 millóns de euros máis para Galiza en capítulos como o ferroviario e investimentos locais en materias como cultura, vivenda e medio ambiente.
En relación ao capítulo ferroviario, hai que salientar as seguintes partidas:
- 4 millóns de euros para o tramo do Eixo Atlántico Ferrol-A Coruña
- 2 millóns para o tramo do AVE Lugo-Ourense
- 1 millón para o tramo do AVE Vigo-fronteira portuguesa
Na materia referida ao medio ambiente, se destina unha partida dun millón de euros para a rexeneración da Ría de O Burgo. O resto destínase a diversos investimentos locais a conveniar con concellos e que teñen relación con materias como a cultura, o medio ambiente e vivenda.
Respeito aos beneficios fiscais para o sector agrario, o BNG conseguiu que para o 2010 se adecúen os módulos no sector gandeiro, especialmente nas explotacións lácteas, ás circunstancias de crise económica derivada dos baixos prezos no sector, sen esquecer outros axustes debidos a situacións climatolóxicas ou perdas de produción que poidan xurdir. Ademáis de acordar unha conxelación das cotizacións sociais dos gandeiros que así non se teñen que enfrontar a subas para o 2010.
Asemade, o BNG conseguiu incluir unha mellora para os militares de complemento. Consistente en correxir unha discriminación: que os militares de complemento cun compromiso de longa duración, que con 45 anos de idade non cumpriran os 18 anos de servizo, e teñan posibilidade de alcanzalos antes de cumprir os 52 anos, podan ampliar o seu compromiso ate que adquiran o tempo de servizos mencionado, así poden acceder á condición de Reservistas de Especial Disponibilidade.

