Jorquera pide que o Estado execute a débeda do fútbol e que se limiten as primas da selección española

Madrid, 10 Xuño 2010. O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, rexistrou unha proposición non de lei no Congreso na que insta ao Goberno a adoptar as medidas necesarias para que os clubes de fútbol paguen a débeda que teñen contraída coa Axencia Tributaria e coa Seguridade Social.

Sinala Jorquera que “a débeda que os clubes de fútbol, de primeira e segunda división, mantiñan coa Axencia Tributaria a 31 de outubro de 2008, ascendía a 627 millóns de euros. Mentras que a débeda coa Seguridade Social ascendía a 4,9 millóns de euros. En conxunto suman 632 millóns de euros, máis de 100.000 millóns das antigas pesetas.

O deputado do BNG afirma que “a exixencia de se apretar o cinto aos colectivos afectados contrasta coa tolerancia do Goberno á hora de exixir aos clubes de fútbol o pago das débedas contraídas con Facenda e a Seguridade Social”.

Límites nas fichaxes e nos salarios dos futbolistas

Na proposición non de lei, o BNG tamén empraza ao Executivo a promover o establecemento de límites nas fichaxes dos clubes futbolísticos e nos salarios dos xogadores. “O gasto adicado ás fichaxes e remuneracións dos xogadores deberá estar condicionado ao seu equilibrio orzamentario e ao cumprimento das súas obrigas de pago coa AEAT e a Seguridade Social”.

A Federación Española de Fútbol debe renegociar as primas polo Mundial

Nun último punto, o parlamentar nacionalista pede ao Goberno que demande que a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) renegocie as primas á seleción española polos resultados a obter no Mundial de Sudáfrica, “tendo en conta o actual contexto de fortes axustes e recurtes do gasto”.

Deben cumprir coas súas obrigas con Facenda e a Seguridade Social

Jorquera pón de manifesto que “dada a magnitude da débeda está claro que o Goberno non executou os mecanismos dos que dispón, ou ben, tais mecanismos son totalmente ineficaces para garantir o cobro das débedas dos clubes de fútbol”.

O deputado do BNG considera un “escándalo” que á par que estes clubes acumulan cuantiosas débedas co Estado, destinan elevadas cantidades a sufragar fichaxes millonarios. “Operacións financiadas por entidades financeiras de carácter social como son as caixas de aforros nun contexto no que escasea o fluxo de crédito á economía produtiva e ás familas”.

O BNG cre que nun momento como o actual “é preciso introducir racionalidade no mercado futbolístico, de xeito que existan topes salariais e que estean condicionados ao cumprimento das súas obrigas con Facenda e a Seguridade Social”.

As primas da RFEF polo Mundial son un escándalo

Outra das críticas que realizan os nacionalistas galegos son as excesivas contías que a Federación Española de Fútbol vai destinar en concepto de primas aos xogadores da seleción de cara o Mundial de Sudáfrica. “No caso de que a seleción española gañe o Mundial, cada xogador percibirá 550.000 euros, unha cifra que case triplica á que recibiron hai dous anos por gañar a Eurocopa”. A seleción española, enfatiza Jorquera, terá as primas máis altas dos 32 combinados que disputarán o Mundial.

O deputado do BNG explica que a RFEF é unha entidade asociativa privada pero de utilidade pública. “Hai que lembrar que os Orzamentos Xerais do Estado lle asignan unha partida anual, e tal e como din os Estatutos da RFEF, unha das súas fontes de ingresos son as subvencións das Entidades públicas. Sen esquecer que os seus orzamentos e a súa actuación están baixo supervisión do Consello Superior de Deportes, polo tanto, o Goberno non se pode abstraer”.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]