O Plan do Litoral da Xunta afecta a case 1500 vivendas en Pontevedra

O BNG está por protexer o litoral, pero con criterios axeitados á nosa realidadeA Ordenación do Territorio en Galiza é un auténtico desastre” (sic) palabras textuais do actual Conselleiro Agustín Hernández nunha entrevista de hai unhas semanas. E, por unha vez, non lle faltaba razón.

Galiza segue sen ter unhas Directrices de Ordenación do Territorio (D. O.T.' s) a pesares de que por imperativo legal tiñan que estar no ano 1996. Catorce anos despois non están nin se lle agardan, cando menos de xeito inminente.

A lexislación urbanística (LOUGA), aparte de ser tecnicamente mala, podería describirse como unha norma profundamente allea á realidade galega, pois non ten en conta o noso xeito tradicional de asentarnos sobre o territorio nin a realidade da estrutura da propiedade galega. O rural redúceo á un estado folclórico bucólico-pastoril retrotraendo a súa situación a 60 anos atrás (a mediados dos 1950).

Debido a esta situación da normativa propia, as invasións sectoriais do Estado: Costas, Fomento, etc. seguen a ser continuas, creando graves problemas de todo tipo, destacando o conflito dos núcleos do litoral (núcleos tradicionais da costa galega, que xorden vinculados á explotación dos recursos pesqueiros-marisqueiros, que constitúen un elemento singular do modo de asentamento territorial galego, e que a lexislación española de Costas se nega a recoñecer como asentamentos urbanos)

Galiza non é o Levante español


Hai uns anos desatouse unha campaña en contra da “levantinización” ou “marbellización” da costa galega. A situación real da nosa costa é problemática e preocupante, pero nin pola súa orixe, intensidade, nin características previas ten moito que ver cos exemplos que se pretendían usar de referencia. O mesmo POL recolle uns datos absolutamente claros: dos aproximadamente 2.400 km2 de litoral estudados, están ocupados pola edificación uns 76 km2 (3,2%). Se deste dato restamos a superficie ocupada polas cidades, vilas e asentamentos tradicionais, chegaremos a conclusión que a “invasión” da costa por novos asentamentos desconectados (o auténtico problema galego) non alcanza o 1%, porcentaxe que pode entenderse como preocupante pero que non ten nada que ver coa realidade de outras zonas da península ibérica.

Este marco levou a que xa na Louga 2002 se declarasen os 500 m. de ribeira como de interese autonómico e que a Lei de Medidas Urxentes de Protección do Litoral 2007 suspendese os polígonos no referido medio quilómetro, suspendendo parcialmente PXOU's, PXOM's ou Normas Subsidiarias que tiña aprobado a propia Xunta.

O Plan afectan en Pontevedra a case 900 vivendas construídas e a máis de 500 en tramitaciónO que sempre faltou nas actuacións da Xunta (especialmente co P P, pero tamén co PSOE), foi unha intención clara de buscar solucións que recollesen cabalmente a nosa realidade e desen solucións acaídas. Mímese absoluta do de afora sen ningunha adaptación realista a situación galega.

Os criterios para a elaboración do plan son absolutamente alleos á realidade galega, e mais ben poderían ser propios do Levante Ibérico: dáselle unha protección desorbitada a calquera rego de água, introducindo corredores ecolóxicos de centos de metros de afectación de largo ao longo de calquer curso de auga, aínda que sexa de carácter estacional;  aparecen silveirais con protección de bosque, introducindo proteccións de bosque en zonas urbanas e/ou de núcleo rural; e non califica como tais moitos núcleos rurais e urbanos orixinarios orixinarios.

Sobre este fondo de proteccións, que poderían ser correctas para o Levante pero disparatadas para Galiza, o documento contén erros masivos que desvirtúan absolutamente o seu contido.

A documentación é moi pobre, tanto na súa grafía (de moi difícil leitura), como no seu contido, ao faltarlle todas as propostas de actuación e ámbitos de recualificación.

É un documento profundamente inxusto, pois desafecta a boa parte de quen estaba afectado e, de rebote, afecta a unha boa cantidade de zonas que por estar mais alá dos 500 m. non estaban afectadas até agora (pasa en zonas dos 4 quilómetros).

As inxustizas comparativas que contén o documento tanto pola súa concepción como polos erros masivos que contén, vense moi agravadas pola introdución de modificacións “ad hoc” para quen tivo a capacidade de influenciar na súa redacción para que lle deixasen libres as súas propiedades.

En definitiva, é documento absolutamente irrespectuoso coa realidade galega pero coa tradicional carga de “caciqueo” do PP.

O BNG aposta por ordenar e protexer o litoral con criterios que respondan ás nosas necesidades

O BNG está por ordenar e protexer o noso territorio e, en particular, o noso litoral, con criterios, obxectivos e determinacións que resposten ás nosas características e ás nosas necesidades.

Este posicionamento firme e de fondo lévanos a rexeitar de maneira contundente o actual Plan de Ordenación do Litoral polos motivos antes expostos:

a) Porque non está pensado nin elaborado pensando na realidade galega nin nas nosas necesidades.

b) Porque contén erros masivos de proteccións innecesarias e desproteccións inxustificadas.

c) Porque é un compendio de inxustizas comparativas.

d) Porque ten determinacións feitas á medida de intereses concretos en contra do interés xeral.

e) Porque ten unhas consecuencias enormes e de moi difícil reversión sobre o futuro de moitas áreas do noso litoral.

Como a súa aprobación pretende ser inminente e cos mínimos cambios, só coa presión social e política podemos acadar que non se perpetre esta nova agresión contra o noso litoral.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]