A Plataforma contra a privatización e polo hospital único de Pontevedra desmantela os argumentos do PP
Todos os ponentes incidiron en que a decisión de construír un novo hospital en Monte Carrasco e paralizar a ampliación de Montecelo, supón un novo ataque a Pontevedra, ao frear os investimentos públicos de 100 millóns de euros xa consignados para Montecelo. En pouco tempo, ademais de suspender a ampliación do hospital, a Xunta paralizou a actividade asistencial de tarde do Complexo Hospitalario e anulou a creación de 61 prazas de Atención Primaria na Área Sanitaria de Pontevedra Norte.
Despilfarro de Diñeiro.
Nos últimos anos investíronse en Montecelo máis de 57 millóns de euros, polo que grandes áreas do actual hospital son completamente novas.
Un Novo Retraso.
A paralización da ampliación do hospital público de Montecelo supón un novo retraso. As mobilizacións dos últimos anos conseguiron que a Xunta planificase a renovación integral e ampliación de Montecelo con financiamento totalmente público grazas ao consenso de todas as administracións. Ese consenso se iniciou na anterior etapa do PP na Xunta de Galicia, sendo Conselleiro de Sanidade o actual xerente do Complexo Hospitalario, cando o mesmo PP que agora insiste en descartar a ampliación de Montecelo, rexeitou teimudamente construír un novo hospital nun emprazamento diferente a Montecelo.
Esforzos Inútiles.
Os importantísimos investimentos feitos nas fases previas á ampliación de Montecelo, a punto de rematarse, semella que foron de balde. As expropiacións están definidas, os plans de acceso xa comezaron a executarse, as melloras do abastecemento están marcha, e no Novo Plan Xeral de Ordenación Municipal existe unha reserva de 300.000 m2 anexos a Montecelo que garanten que non haberá problemas para futuras ampliacións, e a construción dos edificios da ampliación estaba a piques de comezar.
Desprezo da Lealdade Institucional.
En maio de 2005 e xuño de 2009 as institucións (SERGAS, Deputación e Concello) asinaron convenios para ampliación de Montecelo. En decembro de 2009, a Xunta decide iniciar en solitario o proceso dun novo hospital recorrendo ao financiamento e a xestión privada, creando incerteza entre todos os afectados e suspendendo toda a planificación realizada e provocando a controversia social.
En Montecelo é moito máis diífcil privatizar.
É moito máis doado privatizar un novo hospital que facelo coa ampliación de Montecelo, pois este é un hospital plenamente público. O financiamento, construción e xestión do novo hospital que pretenden facer, vai poñerse en mans dun consorcio privado de grandes construtoras, aseguradoras e bancos, a quen o SERGAS deberá pagar un “canon” durante 20 anos por poder usar as instalacións do novo hospital. Trascorridos eses 20 anos, cando o novo hospital estea en boa medida obsoleto, o SERGAS será finalmente o seu propietario mais, daquela, os custes totais multiplicarán por 6 o que tería costado ese hospital de terse feito con financiamento e xestión plenamente pública.
A experiencia de Madrid, Valencia e o Reino Unido demostran o empeoramento da calidade asistencial co modelo que pretende implantar o PP
O novo hospital importa a experiencia do PP nestas comunidades. O resultado empeora a calidade asistencial, o mantemento dos edificios, o equipamento sanitario, e as condicións laborais dos traballadores e traballadoras. Só se benefician os propietarios do consorcio que se faga cargo do financiamento, construción e xestión do novo hospital, para os que se abre un suculento negocio a costa do erario Público.

